Andrea García, Raíña do Entroido de Foz: “o día do desfile, se vés ao porto é imposible estar triste”

A moza leva con orgullo "representar ao pobo nalgo importante para o pobo", que traballa durante case un ano pensando no Carnaval: "se fai frío ou chove, damos dúas voltas"

Andrea García, Raíña do Entroido de Foz 2020. AXM

Desde os sete anos, cando participou do Entroido por primeira vez, Andrea García Mondelo (Foz, 1999) fixouse nas sucesivas Raíñas do Carnaval focego, que “representaban ao pobo nalgo que é moi importante para o pobo”. Este ano tócalle a ela -tamén ás súas Damas de HonraPaula Villapol Rabanal e María Pérez Vior- asumir esa responsabilidade, que seguro levará con éxito dada a paixón coa que fala da que é, hoxe por hoxe, a festa por excelencia do municipio. E que está a piques de entrar na gran recta final: o Xoves de Comadres reabre un programa que continuará ata o 28 de febreiro.

Como vive a Raíña do Entroido de Foz o seu reinado?

Pois a verdade é que foi unha gran sorpresa que me nomeasen. Vívoo con moita emoción. Sete aniños tiña cando empecei nesto do Entroido e cada vez fun máis partícipe da festa, e dándome conta co paso do tempo do que significa ser a Raíña do Entroido. Ao final é representar ao teu pobo e algo que lle importa moito ao teu pobo. Así que con moita responsabilidade tamén.

Este ano o público, a veciñanza, tivo voz e voto na elección da Raíña (a súa opinión contou un 40% baremo do concurso). Engade iso máis responsabilidade?

É un orgullo. Eu fixábame moito nas raíñas anteriores, en que tiñan moita cercanía co resto da xente, que se desenvolvían moi ben entre a veciñanza. Eu tiña medo a iso, a non ter tanta cercanía, e ao final dinme conta de que para nada foi así. Desde entón a verdade é que a interacción coa xente foi xenial.

“desde que tiña sete anos fun participando e vendo o papel das raíñas. vívoo con moita emoción”

CONCURSANDO DE ERASMUS

Ademais concursaches desde o estranxeiro.

Si. Estou facendo un Erasmus en Brno, na República Checa. Eu pensei que iso xa me descartaba para ser a Raíña, pero a verdade é que a organización púxome moi doado poder participar, por Skype. Alí foi cómico, porque había que estar disfrazado e non había absolutamente nada, non había nin goma eva para poder facer un disfrace. Entón os problemas comezaron por aí, unha caixa non chegou por cuestións de transporte… Todo apuntaba a que non ía ser desta, pero ao final saíu moi ben todo.

Vivín o concurso desde alí cos meus amigos, que flipaban. Quedaron con ganas de vir, eran xente de toda España, que coñecen os Carnavais de Cádiz, ou Tenerife, e foi unha maneira de publicitar o Entroido de Foz. É algo que me encanta e que xa facía en Santiago cando estudaba alá. As miñas amigas de Compostela sempre me dicían, xa en decembro, “cala un pouco xa co Entroido”. E a partir de febreiro son monotemática… Elas fixeron un vídeo para o día da elección na que pedían que por favor me nomeasen Raíña para ver se así calaba, porque me poño pesadísima (risas).

E a coroación foi multitudinaria. 

Unha cea con 1.050 persoas. Vivín a coroación dun xeito moi especial, interactuando moito cos asistentes… Foi moi divertido. Ao principio estaba moi preocupada por que todo saíse ben, pendente dun volante que levaba no traxe… Ao final caeume o tocado e creo que fun a que menos importancia lle din. O único que fixen desde que entrei na Sala Bahía foi desfrutar da noite.

AS PEÑAS

Sete anos desde que empezaches. Formas parte dunha das moitas peñas que hai no municipio, imaxino.

Eu estaba nas Sin Xeito, e levo tres anos nas Faragullas. As Sin Xeito é unha peña moi importante para Foz pois foi a primeira, e axudou moitísimo a facer máis grande o Entroido focego, contribuíu a animar á xente a que se presentase, o seu papel foi fundamental ao principio para que houbese un salto. As Faragullas para min representan pasalo ben desde o comezo ata o final. Vou feliz aos ensaios, pásoo bomba, e gústame a diversión e o compañeirismo que é característico desta peña. A xente fíxase moito nos tocados e noutros detalles, pero o mellor é pasalo ben e estar todos xuntos.

Na cea de coroación, Andrea, Paula e María coa Raíña e Damas da edición 2019 e o alcalde e o concelleiro de cultura. AXM

ELEGANCIA E RETRANCA

Falabas antes de Tenerife, Cádiz. Que distingue ao Entroido de Foz, que o fai singular?

Ao final é un Entroido nun pobo, no que todos nos coñecemos, o bonito é vivir ese día coa veciñanza. O desfile é un día no que ninguén vai estar triste se está no porto. Todo o mundo se vai sentir acompañado, poderá desfrutar da elegancia dos traxes das peñas, dos disfraces con humor e enxeño, do grandísimo traballo das carrozas, que teñen detrás horas e horas de esforzo.

Por un lado podes gozar de disfraces elegantes, de carrozas espectaculares, outros totalmente humorísticos, con parodias moi conseguidas, e ao final, todo o mundo segue a mesma liña que é buscar a perfección, a mellor actitude posible. A ver a quen se lle ocorre ir medio espidos en inverno; o sentimento é, “se fai frío e chove, damos dúas voltas”.

“AS PEÑAS COMEZAMOS A PENSAR NO ENTROIDO DO ANO QUE VÉN DESDE O REMATE DO ANTERIOR. A TRABALLAR, EN MAIO”

Canto tempo pode estar preparando unha peña os disfraces? Desde cando comezades a maquinar e traballar para o seguinte ano?

De maneira máis oficial, comezamos a traballar en maio, con ideas e reunións. Os ensaios comezan en setembro ou outubro. Esta semana xa é a tope, estes días queda a xente ata a madrugada no local que nos habilita o Concello. Estes días, case 24 horas.

De todo o programa, que che gusta especialmente?

Gústame moito a coronación, porque ves que se achega o Entroido, ves á xente moi nerviosa, a xente fala un pouco de que pode ir disfrazada, sen desvelalo, e ves disfraces moi enxeñosos. O venres das coplas tamén é especial, por ser a véspera do desfile, hai certo nerviosismo e moito ánimo de festa.

UNIÓN

Podes adiantar algo de como luciredes, tanto a Raíña como as damas de honra, o sábado no desfile?

Pois pouco podemos desvelar, porque variou moito o concepto que tiñamos ao principio e nin eu mesma estou segura de como será. Tivemos que cambiar moitas cousas, pero creo que o resultado vai ser impresionante, porque confío moitísimo en Pili e Rosana, as costureiras. Gustaríame remarcar o seu traballo, tanto o delas coma o do resto de costureiras do municipio, porque parece que xa teñen un máster incorporado de confección para o Entroido. Fan todas un traballo espectacular, sempre preocupadas porque saia todo ben, e malia todos os contratempos que van saíndo, sempre fan que desfrutes do proceso e miman cada mínimo detalle para que vaiamos contentas con nós mesmas. Tamén agradecería o traballo de Marifé, a persoa que nos cose á comparsa, que fixo o traxe da coroación.

“DETRÁS DO ENTROIDO HAI MOITO TRABALLO. AS COSTUREIRAS PARECE QUE TEÑEN UN MÁSTER DE CONFECCIÓN PARA O CARNAVAL”

Que lle transmitirías tanto á veciñanza como á xente de fóra do municipio?

Pois á xente que fóra que veña, porque estou segura de que repite. Respecto á xente de Foz, pedirlles máis de todo: máis coplas con máis sátira, máis disfraces… Que é o que fai especial o noso Entroido. Gustaríame que seguise a unión entre todos; eu creo que cada vez somos menos competitivos, porque todos queremos facer grande o noso Carnaval.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here