Ao contrario que localidades como Marín, Baiona ou Cangas do Morrazo, vilas costeiras da Mariña Lucense manteñen por agora as praias abertas malia o incremento de residentes por mor da chegada de persoas doutras comunidades que teñen na bisbarra a súa segunda residencia, freada ao decretar o Goberno central o estado de alarma.
O municipio de Viveiro experimentou durante o fin de semana un incremento de visitantes doutras comunidades autónomas. Desde o goberno local, segundo indica a alcaldesa, María Loureiro, xa se fixo un chamamento “para que non viñese ninguén” e para que os recén chegados “non saian das súas casas”.
En canto aos areais, asegura que as forzas de seguridade “están a resolvelo ben”. Aínda que de momento “non fai falta” cortar os accesos ás praias, admite que “se hai que facelo, farase”.
É a mesma situación que en Burela, onde o pasado sábado si que houbo “concentracións de moita xente para pasear cans” pola costa, pero, trala entrada en vigor do estado de alarma o domingo, os veciños “están a responder ben”. “Se houbese algún repunte si que habería que pór cinta limitadora nas praias”, avisa o rexedor, Alfredo Llano. Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.