A coordinadora da representación sindical nas auxiliares de Alcoa San Cibrao emitiu un comunicado de prensa no que amosa o seu “descontento” coa administración da crise sanitaria do coronavirus por parte da dirección da multinacional.
“Lonxe de realizar e coordinar un plan para reducir o mínimo posible a presencia de traballadores nas plantas, (Alcoa) busca a maneira de aumentar quendas e presencia en horas de obreiros que se están vendo obrigados a facer en algúns casos incluso horas extraordinarias“, asegura a plataforma.
GASTO DE EQUIPOS DE PRODUCCIÓN
A coordinadora das empresas auxiliares, que agrupa sindicalistas de ata 17 firmas e a arredor dun milleiro de traballadores, sostén que “non só reducimos o traballo na planta senón que o aumentamos, e tamén o gasto dos equipos de protección individual (EPIs) de dotación sanitaria correndo o risco de quedar sen os mesmos, ou de non poder entregalos se procedese, ás Administracións”. Deste xeito, “o Ministerio de Saúde solicitou poñer no seu coñecemento a dotación de mascariñas, gafas de seguridade e EPIs”.
MEDIDAS DE HIXIENE
“As medidas de hixiene son unha tomadura de pelo“, alertan os sindicatos, “tendo que pasar mil traballadores por uns tornos que se abren con sistema dactilar, pasando así o dedo por onde foi posto o de todos os compañeiros previamente; hai máquinas de auga que toca todo o mundo sen unha posterior descontaminación, aparatos expendedores co mesmo problema…”, enumera o colectivo.
“Estamos ante unha situación de risco de que unha empresa se vexa obrigada a parar a produción, ou de prestar o seu servizo, se un traballador se contaxia co covid-19, posto que pode infectar a todo o persoal e ao non ter empregados de reserva como figura de retén na casa verse na obriga de deter o seu servizo ao 100%”.
“Alcoa está premiando a produción por riba da saúde e hixiene dos traballadores da factoría, e polo conseguinte das súas familias”, critica a plataforma, que solicita á multinacional “que cumpra coa responsabilidade que ten nestes momentos”.