IniciosociedadeCasas baleiras de Barreiros, exemplo do bum urbanístico, estarán a disposición para...

Casas baleiras de Barreiros, exemplo do bum urbanístico, estarán a disposición para illamentos

O Concello recibiu o ofrecemento de varios titulares, a maioría veciños do municipio, para prestar os espazos se é necesario confinar pacientes de coronavirus

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros vén de recibir ofrecementos de donos de casas baleiras no municipio por se son necesarias para acoller persoas que precisen de illamento por mor do coronavirus. No concello barreirense hai arredor de 700 vivendas sen ocupar, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en parte froito do bum inmobiliario da primeira década deste século.

O ex alcalde, Alfonso Fuente Parga (PP), foi absolto de prevaricación urbanística pola concesión de 41 licenzas para case 3.000 vivendas no municipio, paralizadas polo bipartito. Na sentenza absolutoria, o propio xuíz dubidou de que o comportamento da corporación “fose completamente legal”, pero entendeu que non houbo dolo. Desas casas ás que deu luz verde entre 2005 e 2006, só se acabaron 1.329, das que hai habitadas 997.

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, resalta que se trata dunha cuestión de “voluntariado. O que fixemos foi actuar como canalizadores e organizar as iniciativas particulares. Hai esa demanda da sanidade de poñer a disposición camas no caso de que fixese falta”, remarca.

O Concello emitiu un bando no que amosou a súa intención de facer de intermediario entre quenes teñan vivendas baleiras e os servizos sanitarios que precisan de camas. A rexedora explica que os ofrecementos chegaron “fundamentalmente de veciños de Barreiros que teñen dúas casas”, indica.

Entre establecementos hoteleiros e apartamentos baleiros o Concello dispón dunhas 20 camas, que sumarían 60 de contar cos albergues municipais.

“Incluso poderían ser máis, dado que desde Sanidade tamén nos preguntan polas camas potenciais, como por exemplo sofás que se poidesen utilizar”, remarca Ermida.

VOLUNTARIADO

O Concello creará un grupo de voluntariado por se é preciso actuar no caso de que o persoal propio non sexa capaz de satisfacer a demanda social da veciñanza. “Estabamos vendo que había persoas animadas para axudar pero que o ían facer por libre; pensamos que é mellor canalizar e coordinar estas iniciativas, porque en moitos casos poderían darse máis riscos, con desprazamentos innecesarios e duplicidades”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...