O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pide á Xunta de Galicia que acelere as probas para evitar novos contaxios na residencia despois de trascender o primeiro positivo de coronavirus no xeriátrico, dun empregado.
“Desde o Concello de Foz queremos expresar a nosa preocupación polo caso positivo de Covid-19 dun traballador da residencia de maiores de Foz. É o momento de remar todos xuntos e de traballar para superar a crise sanitaria o antes posible”, indica Fran Cajoto, quen pide á Consellería de Sanidade e á de Asuntos Sociais “unha comunicación fluída cos Concellos, así como acelerar as probas e as diagnoses a traballadores e residentes para evitar novos contaxios”.
O rexedor focego engade que “en base aos posibles positivos as residencias deben modificar os seus protocolos segundo as indicacións que traslada a Xunta. Polo tanto as celebracións do primeiro aniversario haberá tempo para facelas, agora estamos pensando unicamente na saúde dos nosos maiores. A tutela que anunciou a Xunta esperamos que sexa efectiva e se faciliten os EPIs necesarios para evitar novos contaxios”.