IniciosociedadeIntensifícanse as probas nas catro residencias da Mariña Lucense con positivos confirmados

Intensifícanse as probas nas catro residencias da Mariña Lucense con positivos confirmados

Este xoves confirmouse un novo caso, o dun traballador do centro San Rafael de Mondoñedo

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia intensificou nas últimas horas as probas da reacción en cadea da polimerase (PCR), que detectan os casos de coronavirus, nas residencias da Mariña Lucense, despois de que a Consellería de Política Social confirmase positivos en cinco xeriátricos da bisbarra. O último deles, no centro de maiores San Rafael de Mondoñedo.

FOZ

O foco máis preocupante está en Foz, onde tres residentes deron positivo -unha persoa está hospitalizada- e un total de sete traballadores, despois de que se confirmase un primeiro caso entre o persoal días atrás. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, reclamou que se realizase a proba a todos os usuarios e profesionais do centro, algo ao que finalmente a Xunta accedeu.

Por agora, segundo confirma o rexedor, non se comunicaron o resultado dos test, realizados un total de 40 residentes e arredor de 25 traballadores. Cajoto expón que “por agora non hai ningunha persoa con síntomas” no centro e que “agora só nos queda esperar polos protocolos da Xunta de Galicia para actuar”, agradecendo a “paciencia dos familiares” e a “profesionalidade dos empregados”.

VIVEIRO

Tamén se confirmaron ao longo dos últimos días casos na Residencia Betania de Viveiro, o positivo de dous dos 140 usuarios do centro -ambos hospitalizados- e o dunha relixiosa, que permanece desde hai días en illamento.

A rexedora, María Loureiro, avanzou que os primeiros tests realizados a relixiosas e sanitarios deron negativo. “Hoxe (por este xoves) seguíronse facendo probas pero confirmáronnos que se lles van facer a todas as persoas do asilo, relixiosas, traballadoras e usuarias”, indicou. Ademais, informou de que no outro xeriátrico de Viveiro, que ostenta a empresa DomusVi, tamén se realizarán análises a maiores e empregados.

BURELA

Na residencia de Burela tamén se documentou un caso positivo, o dun dos 64 traballadores do centro. A Unión General de Trabajadores (UGT) reclamara probas para evitar dúbidas sobre calquera posible contaxio.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, realizáronse probas a varios traballadores e tres usuarios, con dous negativos confirmados e un á espera de resultado. A Consellería de Política Social compreteu tests para todos os empregados e residentes, que en principio faranse nos vindeiros días.

MONDOÑEDO

En Mondoñedo, este xoves confirmouse o positivo dun traballador, segundo concretou a Consellería de Política Social no seu reconto diario. Segundo publicou La Voz de Galicia, trátase dun empregado que traballa uns días no centro e outros no xeriátrico de Castro de Rei. Mensajeros de La Paz – Edad Dorada, que xestiona o asilo, emitiu un breve comunicado de prensa no que asegurou que “tanto as persoas residentes como os traballadores están asintomáticos”, e no que incidiu en que “coa maior celeridade” faranse “os correspondentes tests específicos de Covid-19“.

A CIG ESIXE MEDIDAS DE PROTECCIÓN E TESTS PERIÓDICOS

A CIG anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo, Consellaría de Sanidade e Subdelegación do Goberno “para esixir que se dote a todas as traballadoras” das residencias de maiores, dos centros de atención a persoas con discapacidade e dos centros de menores da provincia, tanto públicos como privados, “dos medios de protección necesarios e adecuados á actual emerxencia sanitaria”.

“As deficiencias das escasas medidas aplicadas estanse a evidenciar coa aparición dos primeiros casos de contaxio. Esta situación provoca ademais que o persoal destes centros  estea sufrindo unha exposición innecesaria ao propio risco biolóxico pero tamén, unha situación de estrés emocional e ansiedade ao vérense expostos a un risco grave, inminente e descoñecido ante o que se senten totalmente desprotexidos no ámbito laboral”, asegura a central socialista.

A CIG demanda tamén a realización de test de detección a todas as persoas residentes nestes  centros e a todas as empregadas, e que estas probas se repitan de xeito periódico.

A central entende que comprobar o número de positivos resulta imprescindible para delimitar a incidencia do contaxio e atallar a posíbel extensión.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...