IniciosociedadeAs probas á totalidade do persoal e usuarios deixan dous novos residentes...

As probas á totalidade do persoal e usuarios deixan dous novos residentes con positivo en Foz

O resultado dos tests a 43 maiores e 30 traballadores ofrece alivio na residencia focega, pois tras coñecerse os dez primeiros casos temíase que a propagación do virus fose maior

Publicada o

- Advertisement -

O balance das probas realizadas na residencia de Foz trala confirmación o pasado 31 de marzo de dez positivos -tres deles de maiores- deixou en certo modo un alivio no xeriátrico focego, porque despois de que todos os traballadores do centro -arredor de 30- e a totalidade dos usuarios -43- se sometesen aos tests, documentáronse dous novos casos de persoas con coronavirus, os de dous residentes.

TRES DELES, TRASLADADOS A SANTIAGO

Segundo concretou a dirección do centro focego, do total de cinco maiores infectados, tres foron trasladados ao xeriátrico Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, unha residencia medicalizada na que a Xunta de Galicia está a ubicar residentes das provincias de Lugo e A Coruña. Outra persoa permanece desde hai días no Hospital da Mariña e outra fica illada en Foz, “que xa pasou o período de incubación e cada día está mellorando”, indica a directora, Fátima Fernández.

Neste caso, segundo explica a directora do centro, que tres persoas fosen trasladadas a Santiago de Compostela non significa que estean graves, dado que “o prognóstico é favorable e apenas teñen síntomas, son considerados doentes robustos”. Trátase neste caso de centralizar a atención aos residentes menos graves para non colapsar os hospitais, expón.

OS PRIMEIROS TESTS FORAN DESALENTADORES

O persoal do xeriátrico focego e as familias viviron uns días duros, de nervios e incerteza, despois de que as primeiras probas realizadas non foran alentadoras. Tras un primeiro positivo dunha traballadora, dos seguintes dez empregados analizados seis contraeran o coronavirus, o que facía sospeitar dun foco cun número maior de casos dos doce finalmente confirmados.

Malia lamentar dous novos positivos e lembrar que a situación de emerxencia sanitaria aínda non rematou, a directora da residencia focega percibe os resultados cun certo alivio, “que nos fai pensar que as medidas de precaución que tomamos finalmente tiveron efecto”.

Segundo explicou Fernández, as análises trouxeron tanto os profesionais como os residentes unha maior tranquilidade. Os usuarios están “moito mellor agora, foi un subidón para eles saber os resultados. Seguimos sendo estritos co confinamento, e de feito están a comunicarse por carta entre eles; cada un escribe unha mensaxe para outra persoa, que é entregada por unha sanitaria”, resume.

Os traballadores que deron positivo permanecen en illamento e someteranse pasados uns días a unha nova proba para confirmar que se recuperaron.

AGRADECEMENTO

Desde a dirección do centro quixeron agradecer a boa disposición dos profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e dos da Consellería de Política Social, así como o contacto permanente por parte do Concello de Foz e as doazóns e mostras de cariño de empresas e veciñanza.

EN BURELA RECLAMAN PROBAS TRALO SEGUNDO CASO

A mesma tranquilidade que deixaron as probas en Foz é o que piden en Burela, onde este venres confirmouse o segundo positivo dunha traballadora. O alcalde, o socialista Alfredo Llano, pediu ao Sergas que axilice as probas para todos os traballadores -64- e residentes -63-, así como o sindicato UGT.

Llano expón que falou este venres coas autoridades sanitarias “para reclamarlles que fagan o antes posible os tests do Covid-19 a todos os usuarios da residencia de maiores de Burela. Queremos que os residentes estean perfectamente controlados e así evitar contaxios desta pandemia dentro desas instalacións”, concluíu.

OBREIRAS PIDEN A BAIXA POR PRECAUCIÓN ANTE A INCERTEZA

Fontes de UGT entenden que “mentres non se fagan os tests non hai garantías de que a cadena de propagación se corte”, dado que persoas que sexan asintomáticas poden transmitir o virus. Ademais, resaltan que nesta situación de incerteza algunhas traballadoras están por precaución a pedir a baixa de notaren algún síntoma compatible cos habituais do coronavirus, o que aumenta a sobrecarga asistencial das demais. Alertan de que a situación se complica polas dificultades para contratar persoal.

“As traballadoras que teñen unha dor de gorxa ou un pouco de tos prefiren pedir a baixa para que non pase nada. En xeral o persoal está a sufrir moito estrés“, sinala a central sindical. Deste UGT lamentan que malia que a Xunta de Galicia “comprometeu aos sindicatos probas para todas as residencias, non dan chegado, non as vemos”.

MONDOÑEDO E VIVEIRO

As outras residencias da Mariña Lucense onde se documentaron positivos ao longo dos últimos días son Betania, de Viveiro, con dous casos documentados en maiores e o dunha relixiosa, e o centro San Rafael de Mondoñedo, cun empregado infectado que exerce no xeriátrico de forma parcial, pois tamén traballa en Castro de Rei.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...