O Hospital Público da Mariña continúa cunha presión asistencial estable nestes días no tocante ao coronavirus. Segundo a estatística oficial ofrecida polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), permanecen no centro hospitalario de Burela 22 persoas que contraeron o virus, catro delas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e outros 18 en planta.
Deste xeito, o reconto documenta un paciente hospitalizado menos ca o pasado luns, o quinto día consecutivo no que a cifra de ingresados permaneceu en 23.
ARES AGARDA QUE DOENTES DA UCI PASEN A PLANTA “NAS PRÓXIMAS HORAS”
Ademais, segundo puido saber o Xornal da Mariña, nas últimas horas ofrecéronse varias altas, que se incluirán no cómputo que se ofrecerá o vindeiro mércores, sen que se documentaran por agora novos ingresos.
O xerente sanitario a nivel provincial, Ramón Ares, asegura que no Hospital Público da Mariña “hai pacientes da Uci que pasarán a planta nas próximas horas”.
As previsións dos especialistas da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte é que as vindeiras semanas sexan complexas, pois agárdase o pico de contaxios e ingresos na provincia de Lugo.
NOVO FALECEMENTO EN MONFORTE
Segundo o reconto do Sergas, hai 563 casos activos na provincia, a mesma cifra có pasado luns. Quince deles están en Uci, os outros once no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). En unidades de hospitalización fican 65 persoas, 15 menos ca o pasado día 6 -18 na Mariña, nove en Monforte, oito no Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA-.
Aumentan lixeiramente -son 16 máis- os casos en domicilio, 483. O número de mortes na provincia aumentou a 16, cun pasamento en Monforte.
A nivel galego, o número de contaxiados ascendeu a 5.435, con 258 falecementos.