A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional, informou de que os vídeos de anos anteriores pendurados nas redes sociais para aqueles que quixeran seguir na rede de xeito diario e virtual as distintas procesións da celebración alcanzaron as 105.696 reproducións, unha cifra “impensable” para o colectivo.
A través de YouTube houbo 18.362 reproducións, e no Facebook, un total de 87.334. O número de interaccións alcanzou as 42.337, chegando a 308.041 persoas.
“Desde a Xunta de Confrarías e despois de vivir algo que xamais podiamos imaxinar, e aínda que a tristura foi grande e faltaron as vivencias reais que con tanto esmero tiñamos preparado -tamén o programa cultural Adral, exposicións, o pregón ou as procesións-, tivemos unha gran satisfacción ao comprobar o moito que se lle quere á Semana Santa de Viveiro”, expuxo o colectivo a través dun comunicado.
A cantidade de visualizacións do material audiovisual é “un termómetro”, xulga a Xunta de Confrarías, do cariño que esperta “unha Semana Santa grande dun pobo pequeno”, que este ano foi “diferente e intensa”. Así, agradece a colaboración de todas as persoas que fixeron posible a iniciativa.
SOLICITUDE DE BEN INMATERIAL
A Xunta de Confrarías avanzou que quere volver realizar este traballo de emisións “porque é moita a xente que así nolo está demandando, explicándonos que non a todos lles é posible desprazarse a Viveiro nesas datas, e tamén hai xente que non pode saír á rúa. Desta maneira será un complemento e poder levar a todos os fogares o que para Viveiro é un orgullo”, conclúe a agrupación, que engade que “se está a preparar a solicitude de Ben Inmaterial” para a celebración.
Na pasada edición, a de 2019, a Semana Santa de Viveiro congregou a 40.000 visitantes no municipio.