IniciosociedadeFalece unha usuaria da residencia de Foz de 89 anos, a única...

Falece unha usuaria da residencia de Foz de 89 anos, a única con positivo que permanecía no centro

A directora pide o traslado de todos os casos a xeriátricos medicalizados ou a hospitais "porque aquí non temos medios para a curación ou os coidados paliativos"

Publicada o

- Advertisement -

Unha muller de 89 anos, usuaria do centro de maiores de Foz e diagnosticada de coronavirus, faleceu na madrugada do pasado martes. Era a única usuaria que permanecía no xeriátrico, despois de que tres residentes con positivo fosen trasladados á residencia Porta do Camiño (Santiago de Compostela) e unha evacuada ao Hospital Virxe dos Ollos Grandes de Lugo.

A dirección da residencia de Foz confirmou o pasamento desta persoa, que tiña varias patoloxías previas, entre elas problemas respiratorios e de corazón. Permanecía en illamento despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) descartara o seu traslado ao Hospital Público da Mariña, segundo o equipo directivo da empresa xestora, Idea.

A directora do centro de maiores, Fátima Fernández, solicita neste sentido que todos os maiores con Covid-19 dos xeriátricos galegos sexan trasladados ou ben a xeriátricos medicalizados, coma o de Santiago, ou ben a centros hospitalarios, dado que “aquí non temos medios para o tratamento que eles precisan, ben sexa para a curación ou de tipo paliativo“.

Fernández remarca “o duro” que é para as familias “despedirse dos seus seres queridos, cun protocolo moi ríxido de illamento que non permite o contacto nin poder compartir a despedida. A carga emocional é enorme”, lamenta.

O persoal e o resto de usuarios están “moi afectados” polo pasamento, explica Fernández, que prevé que sexa necesario un programa de apoio para familias, residentes e traballadores, porque esta situación “vai traer secuelas moi importantes a nivel psicolóxico”, concreta. Finalmente, agradece o esforzo dos obreiros, que están a “acumular horas de traballo e a amosar a súa calidade humana” nunha situación coma esta.

SANIDADE COMPUTA 174 MORTES VINCULADAS A XERIÁTRICOS

A usuaria da residencia de Foz é unha das cinco persoas que morreron en centros de maiores segundo o último cómputo do Sergas: dous deles faleceron na residencia DomusVi San Lázaro, de Santiago de Compostela; un na residencia DomusVi de Cangas e outro na residencia DomusVi Matogrande (A Coruña).

Deste xeito, o número de falecidos en residencias de maiores elévase a 92. Segundo os datos de Sanidade, hai ademais outras 82 vinculadas a centros residenciais que faleceron, ben en hospitais, ou ben en residencias integradas; co que o total de mortes vinculados a centros residenciais é de 174, dun total de 391 en Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...