A presión asistencial por coronavirus no Hospital Público da Mariña mantense estable, segundo o reconto oficial ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) no mediodía deste martes. En Burela permanecen seis persoas ingresadas con positivo, dúas delas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e outras catro en planta. É o quinto día consecutivo con esta cifra de hospitalizados.
A cifra de hospitalizados en Burela por mor da pandemia non aumenta desde o pasado 2 de abril, cando se alcanzou o que por agora é o tope de persoas ingresadas por coronavirus, 23; desde entón, o cómputo baixou a 22 (día 7), 16 (8), 12 (9), once (10 de abril), nove (día 13), oito (14 de abril) e seis (17).
A nivel provincial, o número de casos documentados continúa a aumentar dun xeito moderado. Fronte á estatística do pasado luns, rexístranse cinco casos máis, co que o incremento de persoas con coronavirus detectadas é de 15 nos últimos dous días, para un total de 610.
Oito delas permanecen na Uci, unha menos ca onte -as outras seis no HULA de Lugo– e 27 en hospitalización, cinco menos có pasado luns -catro delas na Mariña, doce no Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA, dado que Monforte segue con cero ingresados por Covid-19-.
Si aumentan os casos en domicilio, con once máis, para un total de 575. Na noite do pasado luns rexistrouse unha nova morte a causa da pandemia na provincia, a dun home de 82 anos ingresado no HULA.
464 FALECEMENTOS E 1.588 ALTAS EN GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.416, deles 1.417 son da área da Coruña, 610 da de Lugo, 1.293 da de Ourense, 515 da de Pontevedra, 1.162 da área de Vigo, 1.063 da de Santiago, e 356 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 101 permanecen en Uci, 603 están en unidades de hospitalización e 5.712 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.588 altas de pacientes e 464 falecementos. O número de PCR realizadas é de 74.419.