IniciosociedadeBurela repartirá máis de 900 máscaras feitas polo voluntariado entre os nenos...

Burela repartirá máis de 900 máscaras feitas polo voluntariado entre os nenos do municipio

Outras 4.500 foron repartidas entre as empresas, expón a delegación de Servizos Sociais

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións, así como as propostas ou iniciativas de asociacións e oposición, para afrontar a pandemia do coronavirus.

A MARIÑA

A DEPUTACIÓN ACLARA QUE UN 50% DO PLAN ÚNICO PÓDESE UTILIZAR PARA AXUDAS ÁS EMPRESAS

O presidente da Deputación, José Tomé, enviou unha carta a todos os alcaldes da provincia para aclarar, tralas críticas do PP, “que as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2020 establecen que, este ano con carácter excepcional, a cantidade que era obrigatoria dedicar a investimentos, os Concellos poderán dedicala a calquera tipo de acción relacionada coa crise sanitaria do Covid-19“.

Polo tanto, expón o goberno provincial, “queda claro que os Concellos quedan liberados de destinar o 50% do Plan Único a investimentos e poden dedicalo a gastos correntes para desenvolver calquera tipo de iniciativa de interese público, ben sexa social, empresarial, comercial, turística, de emprego, ou de calquera outra índole, que contribúa a superar os efectos da pandemia do coronavirus”.

O presidente da Deputación expón deste xeito que, “a título de exemplo, os Concellos poden dedicar os fondos do Plan Único á compra de material hixiénico sanitario de protección; á compra ou a axudas para alimentación; a axudas sociais á cidadanía; a axudas a empresas; a axudas de emerxencia social; a accións para reactivar a economía con axudas ao comercio, á hostalería, ao turismo ou a calquera outro sector produtivo; ou á contratación de persoal para desenvolver iniciativas que se impulsen en relación coa pandemia, entre outras accións”.

INCREMENTO NA COTA DA XARDA

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que aumenta a 798.727 quilogramos a cota de xarda que poderán pescar este ano os barcos da Mariña, tal e como anuncia o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Isabel Rodríguez destacou que son 138.172 quilos máis dos 616.230 inicialmente previstos os que lle corresponden á flota da Mariña. Tal e como explica o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación este aumento débese á cantidade adicional de cota conseguida por España.

Esta cantidade extra procede, por un lado, da compensación de multa de xarda 2020, da que lle correspondían a Lugo 45.024 quilos, e, por outro, da aplicación da Resolución da Secretaría Xeral de Pesca pola que se reparte a cota adicional obtida por intercambio cos Países Baixos, que establece unha cantidade de 93.148 quilos para a flota de outras artes distintas do arrastre e cerco da provincia de Lugo.

REDE MUSEÍSTICA

A Rede Museística Provincial ven de ampliar a súa oferta de actividades en liña co programa #Feitoparati, co que achegan propostas culturais adaptadas ás necesidades que lles formulan desde distintos colectivos.

A asociación Agora de Monforte, que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), foi das primeiras en participar nesta actividade coa que a Rede mantén o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, ademais de afortalar os lazos coa comunidade.

A través de encontros en liña guiados pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago, as persoas usuarias de Agora puideron visitar virtualmente o Museo Pazo de Tor e coñecer con detalle a súa historia, así como outros aspectos da cultura local.

Na última semana, a Rede tamén colaborou coa residencia de persoas maiores de Foz, ofrecendo os seus recursos para axudar aos residentes a sobrelevar o estrito confinamento que manteñen nestes centros.

A Rede Museística, que durante o ano ven realizando actividades presenciais con Cogami, ponse a disposición dos colectivos da provincia para deseñar actividades adaptadas ás necesidades e preferencias de cada grupo.

Tamén atenden as peticións que se realicen desde centros educativos e anpas, para ofrecer propostas didácticas ao alumnado, como viñan facendo durante o curso escolar.

As persoas interesadas deben formular a súa solicitude a través do correo electrónico xerencia@museolugo.org.

DESINFECCIÓN DE VEHÍCULOS

As dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono que puxo en funcionamento a Delegación Territorial da Xunta en Lugo levan a cabo esta semana a limpeza de doce vehículos de seis agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia.

Onte ocupáronse da limpeza de seis vehículos das AVPC de Pol, Vilalba e O Vicedo (dous por agrupación); e para mañá está previsto que desinfecten equipamento das AVPC de Lourenzá e Guitiriz e do GES de Monterroso (tamén dous vehículos por cada unha).

BURELA

MÁSCARAS PARA 916 NENOS

As nenas o os nenos de Burela con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos recibirán unha máscara de tea nas súas casas nos vindeiros días, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.

A edil subliñou que “o taller popular de confección de máscaras, que coordina a Área de Servizos Sociais do Concello de Burela non para. Con 4.500 repartidas nas empresas locais para abastecer as mesmas dende a declaración de estado de alarma, o obxectivo actual son os nenos e as nenas da vila”. López precisa que hai 916 pequenos empadroados en Burela.

A concelleira de Servizos Sociais manifestou que “xa se comezan a vender máscaras hixiénicas para menores, pero esta ten un valor sentimental engadido, xa que se trata de parte do traballo deste grupo de persoas que levan máis dun mes cosendo nas súas casas e chegarán cunha mensaxe de ánimo e de noraboa polo seu comportamento exemplar durante a situación que lles tocou vivir aos nosos pequenos”.

López agarda que lles gusten: “son mascarillas feitas co corazón. Aproveito para facer un chamamento á responsabilidade por parte das familias de cara á desescalada que imos iniciar o domingo. Gocemos do paseo cos nosos pequenos, aproveitemos para ensinarlles a vivir esta nova situación coa maior normalidade posible, e inculquemos corresponsabilidade social. Eles son os que nos ensinan cada día a nós. Son uns campións”, conclúe.

PP BURELA

O PP de Burela burelao reclama ao Concello que “tome medidas sanitarias no ámbito da súa competencia. Aínda non sabemos nin o número de elementos de protección individual, máscaras e luvas, por exemplo, que se teñen recibido nin cal foi o seu reparto”.

O voceiro da formación, Manuel Rouco, solicita que “que se tramite unha axuda de, cando menos, o 25% do recibo de autónomos, durante o estado de alarma, para todos aqueles empresarios que foron afectados por esta situación excepcional. E tamén a posta en marcha dunha axuda que permita o adianto da contía individual dos ERTEs, polo menos do 50% desta, para todos aqueles veciños e veciñas do noso Concello que, véndose afectados/as por esta figura e nunha situación particular de especial vulnerabilidade do seu núcleo familiar, aínda non viran retribuída dita contía”, remarca.

O portavoz popular engade que “a axuda ás persoas afectadas polos ERTEs e en risco de exclusión socioeconómica pode e debe artellarse a través da partida económica, debidamente ampliada, de 17.500 euros que xa figura nos orzamentos de 2019 prorrogados para o presente ano e en vigor”.

CERVO

TALLER DE MEMORIA

O Concello de Cervo reparte xa casa por casa o material didáctico do taller de memoria a domicilio que puxo en marcha a través da delegación de Servizos Sociais.

Pilar Armada recorda que esta actividade, que xa conta cunha trintena de participantes e que está dirixida tanto para as persoas usuarias habituais do obradoiro como para a veciñanza en xeral, foi concibida “co obxectivo de achegarlles eses exercicios tan saudables para exercitar a nosa memoria para que os poidan realizar desde a casa. Son actividades –engade- que ademais de axudar a exercitar a nosa mente, consideramos que tamén poden ser unha boa opción para ocupar o noso tempo neste días de confinamento”.

Taller de memoria a domicilio. AXM

Aquelas persoas que desexen recibir o material didáctico no seu domicilio deben poñerse en contacto coa delegación a través do teléfono 615.32.13.86: e no menor tempo posible o persoal municipal achegaralle toda a documentación ao seu domicilio.

Os técnicos da delegación de Servizos Sociais seguen a traballar na preparación de completos dosieres con exercicios de todo tipo, e estarán dispoñibles no teléfono antes citado para calquera tipo de consulta e para o seguimento das clases a domicilio.

FOZ

ABASTECEMENTO ALEMPARTE

O Concello de Foz rematou a obra de mellora do abastecemento de auga a Alemparte, na parroquia de Cangas, coa conexión da nova tubaxe. Con esta actuación, que beneficia a unha vintena de vivendas, “solucionáronse os problemas de roturas e a falta de presión que había continuamente na rede”, explicou o alcalde, Fran Cajoto, quen anunciou que a continuación completarase a obra co asfaltado, con aglomerado en quente, de todo ese viario.

O rexedor municipal engade que “esta actuación no camiño de Alemparte, entre a Nacional 642 e o Camiño Real, está financiada con 48.000 euros de fondos propios do Concello e consiste na renovación da tubaxe de abastecemento de auga, coa substitución da anterior condución por unha canalización de PVC de 75 milímetros de diámetro e 10 atmosferas de presión, xa realizada. E en canto ao asfaltado do viario farase con aglomerado en quente con mestura bituminosa tipo D-12 e ademais disporase a sinalización necesaria”, conclúe.

VIVEIRO

O PP PIDE Á DEPUTACIÓN UNHA LIÑA DE AXUDAS ÁS EMPRESAS

O portavoz popular do PP en Viveiro, Óscar Rodríguez, á vista da situación xerada pola crise sanitaria nos sectores produtivos do municipio reclama á Deputación que deseñe unha liña de axudas a empresas e autónomos que faciliten a reactivación da economía en todos os concellos da provincia.

O BNG RECLAMA UNHA GUÍA SOBRE COMO USAR AS MÁSCARAS

O BNG de Viveiro considera “necesaria”, no tocante á utilización de máscaras, “a actuación do Concello como ente de retransmisión de coñecemento, distribuíndo un pequeno manual de cómo usar as máscaras, podendo ser en formato papel, a través dos negocios que están abertos, ou no centro de saúde, como tamén en formato vídeo para as redes sociais”.

No tocante ao comercio, “dado o actual cambio nos horarios dos estabelecementos abertos ou pechados, é preciso manter informada á veciñanza para así facilitar os desprazamentos aos comercios. Para isto, propoñemos ao Concello que elabore un mapa interactivo de todos os negocios e empresas que están abertos“, reclaman desde a formación frontista.

Xuntanza virtual do BNG de Viveiro. AXM

“Para paliar a actual situación dos praceiros que non poden realizar a súa actividade nos mercados semanais e darllle saída aos produtos de horta das praceiras, instamos ao Concello a habilitarlles temporalmente un posto no mercado municipal tendo en conta que agora mesmo hainos baleiros, para que as interesadas poidan vender desde alí os seus produtos, organizándose eles os tempos e días”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...