IniciosociedadeA Mancomunidade ve chave transmitir "confianza e seguridade" para o éxito turístico...

A Mancomunidade ve chave transmitir “confianza e seguridade” para o éxito turístico no poscoronavirus

O ente supramunicipal cre que a aposta polo turismo slow é atinada e fará cursos e programas para comunicar o xeodestino; insta a non rebaixar demasiado os prezos

Publicada o

- Advertisement -

Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polos Concellos respecto da pandemia por mor do coronavirus, así como as propostas de oposición e asociacións.

A MARIÑA

A MANCOMUNIDADE CRE QUE A CRISE REFORZA A APOSTA POLO TURISMO SLOW

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, participou nunha reunión telemática xunto aos demais xeodestinos de Galicia coa directora de Turismo para valorar a situación actual. A entidade mariñá traballa dende o inicio desta crise nun plan de acción post Covid-19 para o sector turístico.

Segundo expuxo Nava Castro, o sector do turismo é o que mais está a sufrir a crise sanitaria –un 30% dos Ertes están vinculados ao sector-. Cajoto interviu para comentar varias cuestións que lle preocupan ao ente, coma saber que vai acontecer coas axudas aos xeodestinos e poder coñecer, canto antes, si se van poder axustar á realidade actual as accións propostas na memoria presentada polo xeodestino en febreiro, cando a situación era totalmente distinta. Por outro lado, tamén se preguntou polas subvencións a municipios turísticos e xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo así coma polo resto de bonificacións na materia.

RECOMENDA “NON BAIXAR ESAXERADAMENTE” OS PREZOS

A Mancomunidade traballa, dende o inicio da crise e a pesar da incertidume e mesmo ante a falta de datos concretos que posibilite anticipar escenarios, no deseño dunha serie de accións post Covi-19 para a reactivación do sector unha vez que a evolución da pandemia.
“Tendo en conta que esta crise, entre outras cousas, está facendo ao sector repensar o modelo e os produtos turísticos, baseando estas cuestións, entre outras, na limitación de aforos, na seguridade e hixiene, na colaboración público-privada e entre administracións, e que seguramente faga que a economía nos distintos fogares se vexa mermada, avogamos porque na medida do posible, non se concentren os esforzos en realizar baixadas esaxeradas de prezo, das que logo será difícil saír, e se aposte por aumentar o valor engadido e a calidade do servizo”.

MEDIOS DE TRANSPORTE PRIVADOS E AUTOCARAVANAS

“En canto haxa confianza, o turista seguirá buscando sumar varias experiencias enriquecedoras nun único enclave e para iso elixirá un destino que concentre todas as actividades e atraccións do seu interese para aforrar tempo en desprazamentos. Tamén se optará, sobre todo, por medios de transporte privados e auto caravanas”.

As tendencias falan de tecnoloxía, das experiencias previas virtuais e slow e do turismo experiencial, en definitiva, de vivir o momento cunha maior conexión coa xente local e os destinos, da autenticidade coma reclamo, dun viaxeiro que demanda cada vez viaxes mais responsables.

PROGRAMAS E CURSOS PARA COMUNICAR O XEODESTINO

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “algunhas das accións nas que a Mancomunidade concentra os seus esforzos para aplicar tan pronto como sexa posible, aínda que algunhas estean pendentes das subvencións das que depende o xeodestino, son por exemplo, o deseño xunto aos Concellos dun programa de actividades gratuítas e de captación do turismo de proximidade“.

Tamén, nun “programa de intelixencia turística” no que se estude o posicionamento do xeodestino xunto a Concellos e sector privado, un foro e xornada de traballo onde se traslade esta información e se trate de construír de xeito participativo e consensuado o Plan de Comunicación do Xeodestino e un curso en Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas post Covid-19, co que dotar aos distintos axentes turísticos de formación e ferramentas para mellorar a súa comunicación dixital, clave neste momento que estamos a vivir”.

PRODUTO LOCAL

Hermida engadiu que “así mesmo, tamén se quere traballar nun plan de promoción centrado en transmitir confianza e seguridade para viaxar á Mariña Lucense e por outro lado na captación de turismo de proximidade. Continúase a deseñar unha xornada para a posta en valor e potenciación do produto local que, xunto á hixiene e seguridade na hostalaría, será un dos factores clave. Na configuración das Rutas de Artesanía para este ano, no deseño dun calendario de actividades gratuítas en torno á natureza, nun calendario para a Ruta da Faba ou na nova páxina web, que o ente agarda que poda estar para lanzar proximamente, entre outras cousas. No deseño de todas estas actividades, farase que o seu desenvolvemento se axuste ás indicacións e recomendacións das autoridades sanitarias”, conclúe a xerente.

A DEPUTACIÓN DESTINARÁ UN MÍNIMO DE 50.000 EUROS A AXUDAS DIRECTAS PARA OS ARTESÁNS

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, participou esta tarde nun encontro virtual con artesáns e artesás para analizar a situación en que se atopa o sector ante a crise provocada pola Covid-19.

Os participantes amosaron a súa preocupación polo futuro das feiras de artesanía, demostracións, obradoiros e visitas guiadas a curto e medio prazo e valoraron o interese do deputado por coñecer de primeira man as inquedanzas e necesasidades ante o novo escenario.

Castro, na videoconferencia. AXM

Durante a vídeo reunión, Castro avanzou que o Centro de Artesanía e Deseño está a traballar nunha liña de axudas directas cun importe mínimo de 50.000 euros. “Son achegas directas, que beneficiarán a todos os artesáns e artesás acreditadas. Estamos rematando de elaborar as bases para sacar adianta a convocatoria en canto sexa posible, e tratar de axudar ao sector no momento máis agudo da crise, dentro das nosas posibilidades”, expuxo o deputado.

ASTELEIROS FRA, ENTRE OS PARTICIPANTES

No encontro virtual participaron Francisco Fra, que ten en San Cibrao a única carpintería de ribeira en activo da provincia; a deseñadora Pilar Cupeiro que leva o seu obradoiro de iluminación e artes plásticas en Cospeito; a xoieira lucense Estefanía Gazol de Mil Brumas; Elías González que segue a tradición oleira de Gundivós; e o luthier Xaneco Tubío que ten o seu obradoiro de instrumentos en Outeiro de Rei.

BURELA

O VENCELLO PIDE REBAIXAR A PRESIÓN FISCAL SOBRE A VECIÑANZA

Dende a asociación de veciños “O Vencello” de Burela agardan que a reunión do pasado mércores entre responsables da ACIA e o Goberno local sirva para materializar axudas ao tecido comercial e empresarial da nosa vila tralo peche de actividade derivado da crise do Covid-19. A agrupación cre que a mencionada xuntanza “tiña que terse realizado xa hai varias semanas”.

O Vencello pide, “ademais de artellar axudas para o comercio local, outra serie acordos de cara a rebaixar a presión fiscal dos veciños deste municipio”.

A TAXA DE OCUPACIÓN DE VÍA PÚBLICA, NO PUNTO DE MIRA

Neste sentido, o colectivo vén de presentar un escrito hai uns días no rexistro municipal solicitándolle á corporación a inmediata rebaixa dos custes e das esixencias administrativas para tramitar algunhas taxas municipais, coma a referida a ocupación de vía pública con materiais destinados á construción (andamiaxes, colectores de entullos, etcétera). Considera que os trámites esixidos dende o Concello son “abusivos” e “claramente discriminatorios” en comparación con outros municipios veciños da comarca.

Así por exemplo, asegura O Vencello, “o propietario dunha vivenda que necesite ocupar durante unha xornada de traballo oito metros de beirarrúa para acometer a limpeza dos canalóns da súa casa en Burela vese na obriga de ter que pagar por oito días de ocupación (é o mínimo de días fixados por este Concello para poder conceder o permiso). Ademais, tamén ten que presentar un Estudo Básico de Seguridade e Saúde firmado por un técnico acreditado. Deste xeito, o Concello de Burela cobra unha taxa de ocupación de 218 euros pola ocupación da vía durante unha xornada; mentres que o de Foz so cobra 1,20 e Viveiro 2,40 (por poñer algúns exemplos)”, remarca.

“Esta diferencia tan esaxerada débese fundamentalmente a que a tramitación deste permiso no Concello de Burela exixe a presentación dun Estudio Básico de Seguridade e Saúde firmado por un técnico (uns 150 euros +IVA) mentres que nos outros concellos non é preciso este documento; pero aínda eliminando o devandito estudo técnico, a taxa en Burela sigue sendo claramente superior á de Foz ou Viveiro, xa que en Burela é obrigatorio solicitala por un tempo mínimo de oito días”, argumenta O Vencello.

LU-P-1502

No tocante á LU-P-1502 que comunica Burela co cemiterio municipal, co punto
limpo e tamén coas parroquias cervenses de Rúa e San Román, a Deputación comprometeuse co Vencello “en desprazarse á zona en canto sexa posible” para comprobar as necesidades desta estrada. “A vía atópase nun estado de abandono que pon en perigo a seguridade viaria. As cunetas están sen limpar, o que provoca que a auga corra pola estrada co conseguinte perigo para vehículos e peóns que transitan por ela; e tamén carece de valado quitamedos nalgúns tramos a pesares do gran desnivel que ten na maior parte do seu recorrido polo termo municipal”, conclúe o colectivo.

CERVO

REPARTO DE MÁSCARAS NON SANITARIAS ENTRE OS NENOS

O Concello de Cervo distribuirá durante a fin de semana máscaras caseiras naqueles domicilios con menores de entre tres e 14 anos. En concreto, traballadores municipais achegarán a estas vivendas unha máscara por neno/a e unha a maiores para a persoa adulta que o acompañe neses paseos controlados que o Goberno autorizou a partir do vindeiro luns.

A iniciativa partiu de varias persoas voluntarias do Concello, que traballan a contrareloxo para elaborar, co seu propio material, centos de máscaras non sanitarias, como complemento protector ante o coronavirus. Desde o Concello recordan que “este material non nos exime en ningún caso de seguir as recomendacións de distanciamento social e de hixiene marcadas polas autoridades sanitarias, senón que é un complemento máis que temos que empregar con responsabilidade”, explica.

Insisten en que este distanciamento social, esbirrar ou tusir na parte anterior do cóbado, a hixiene meticulosa das mans e evitar tocarse a cara, o nariz, os ollos ou a boca seguen as ser as medidas fundamentais para facer fronte ao coronavirus.

Voluntarias do municipio de Cervo. AXM

700 PROTECCIÓNS ENTRE MENORES E ADULTOS

Desde a Administración local queren poñer en valor esta iniciativa e agradecen a solidariedade e o labor desinteresado de Mari, Angelines, Victoria, Félix e Margarita (de Río Covo); de Carmen (de Cuíña), de Mari Luz (de San Cibrao) e de Nati de (Cervo) que traballan a contrareloxo para elaborar máis de 300 máscaras adaptadas aos nenos, e outras tantas para as persoas adultas que os acompañen (máis de 700 en total).

O Concello acompañará cada máscara cun folleto explicativo no que recolle as recomendacións básicas de uso, e tamén recordan que deben lavarse a unha temperatura de entre 60 e 90 °C. A Administración local recorda que se prioriza aos profesionais sanitarios na distribución de material EPI que se recibe cada semana por parte da Xunta de Galicia.

FOZ

A FUNDACIÓN LÓPEZ SOUTO DOA 5.000 EUROS

O administrador da Fundación José Manuel López Souto, Manuel González Alonso, en presenza do presidente, Antonio Valín Valdés, e dos membros da directiva José Ramón García Yáñez e Dolores Teijeira Fernández, fixo entrega ao Concello de Foz dun donativo por importe de 5.000 euros para atender as necesidades sociosanitarias a consecuencia da pandemia do Covid-19.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere agradecer “a importante achega económica, que axudará a paliar as necesidades derivadas da crise económica e sanitaria que trouxo consigo o coronavirus. O servizo de Asuntos Sociais pasou de atender as necesidades alimentarias de 17 familias ás 65 que temos actualmente. É de agradecer o esforzo que fai a Fundación para contribuír a que ninguén se quede atrás nesta crise”, remarca.

Entrega do donativo. AXM

O presidente da Fundación e párroco de Foz, Antonio Valín Valdés, mostrouse moi satisfeito por poder facer esta achega económica e que o Concello de Foz poida desenvolver as medidas sanitarias e sociais que precisan as veciñas e veciños de todo o concello, especialmente da parroquia de Vilaronte, á que está asociada a Fundación.

RIBADEO

O CONCELLO HABILITA UNHA CAMPAÑA DE BONOS PREPAGO PARA APOIAR AO COMERCIO

A Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Economía xunto coa Área TIC da Concellaría de Igualdade, Ensino e Mocidade do Concello de Ribadeo, lanza a campaña #AxudémoNOS co obxectivo de apoiar todo tipo de negocios de Ribadeo que estean pechados temporalmente por mor do Covid-19, e así incentivar as compras neste sensible momento de corentena.

O edil Pablo Vizoso explicou que “co lema ‘Compra agora e goza despois‘, este programa levárase a cabo a través dunha campaña que integrará unha plataforma de intermediación onde os establecementos poderán ofrecer os seus produtos ou servizos agora para que os seus clientes os consuman cando remate a corentena. Será a través de bonos prepago”.

DESCONTOS

O concelleiro de Desenvolvemento Local sinalou que “poderán adherirse gratuitamente os negocios de Ribadeo que nestes momentos se atopen pechados por causa do Covid-19: hostalaría, restauración, comercio, profesionais todas/os. A única condición será ofrecer un bono ou varios que inclúan descontos”, matiza.

Vizoso Galdo subliñou que “o Concello de Ribadeo será un mero intermediario, sen ánimo de lucro, que achega unha ferramenta para que os establecementos ou negocios desta bisbarra poidan poñerse en contacto cos seus cliente durante este período de confinamento. Así, animar á cidadanía a contribuír a protexer os seus negocios locais”.

Os negocios que queiran adherirse deberán cubrir toda a información solicitada no formulario web https://bit.ly/axudemonos.

VIVEIRO

UNS CEN ESTUDANTES BENEFICIÁRONSE DO SERVIZO DE IMPRESIÓN

O Concello de Viveiro, en colaboración cos centros educativos do municipio, puxo en funcionamento o 13 de abril un servizo de impresión de materiais educativos para o alumnado que non dispón de recursos tecnolóxicos na súa casa, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación, debido á situación de confinamento decretada para loitar contra o Covid-19.

Este servizo canalizouse a través dos centros educativos, co obxectivo de obter unha maior coordinación e axilidade na iniciativa.

Nestes dez días de funcionamento o servizo de impresión leva atendido as peticións de arredor de 100 estudantes de primaria, ESO e bacharelato, derivados polos centros de primaria e secundaria, que recibiron o material na súa casa, entregado por membros de Protección Civil.

“Dende o Concello valoramos este servizo pola boa acollida entre a comunidade educativa e destacamos a total colaboración manifestada por todos os docentes e persoal de orientación dos centros”, sostén a alcaldesa, María Loureiro.

Ao longo desta semana, en coordinación coas direccións dos centros educativos, o persoal de Protección Civil e Policía Local tamén se encargou de entregar ao alumnado os libros e material didáctico que quedaran nos centros; encargouse, así mesmo, de entregar os ordenadores de empréstito facilitados pola Xunta de Galicia para aqueles mozos e mozas que non dispoñían deste recurso nos seus domicilios.

PROPOSTAS DO PP FRONTE Á PANDEMIA

O grupo municipal do PP de Viveiro presenta numerosas propostas ao Concello ante a crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19, e as súas consecuencias na economía. Os populares queren que se constitúa unha comisión especial, formada por representantes de todos os grupos municipais, persoal técnico e representantes das asociacións de comerciantes. No aspecto económico, queren que se destine a este plan de intervención municipal fronte a crise unha partida na que se inclúan os cartos destinados a festas e actos culturais que non se poden celebrar.

PIDE NON COBRAR POR OCUPAR A VÍA PÚBLICA

Algunhas das medidas propostas polos conservadores teñen que ver con impostos e taxas. Así, propoñen que non se cobre por ocupación de vía pública por este ano aos locais de hostalería. Igualmente, din que non se debe cobrar, ou, no seu caso, que se subvencione, a recollida de lixo, abastecemento de auga e saneamento a todos os locais comerciais que tiveron que pechar debido á crise; queren que esta mesma medida se aplique “a todas aquelas persoas vulnerables ou en situación económica de risco, ao menos mentres dure o confinamento”.

Na mesma liña, o PP propón que non se cobre no que resta de ano por ocupación de vía aos comerciantes que participan “con permiso e asiduamente  no mercado, tanto no da Praza Maior como no denominado “Corte Inglés”. Queren o mesmo trato para a venda ambulante.

En canto ao Imposto de Bens Inmobles, o PP suxire reducilo aos propietarios de locais con actividade comercial, tanto se é actividade propia como en aluguer e que non cobren o aluguer no tempo de peche por imperativo legal. Esta redución podería ser proporcional ao tempo de peche, ao índice mínimo que marque a Lei”. Esta mesma medida pretende que sexa aplicable “a todos os traballadores que perderan o seu posto a consecuencia do Covid-19”.

Por outro lado, os edís populares queren que se dean axudas económicas directas a fondo perdido a todos os comerciantes que, por imperativo legal, teñan que adoptar medidas para reiniciar a súa actividade cando sexa posible. En materia de alugueres, os populares propoñen bonos a fondo perdido para axudar a veciños en situación vulnerable, ou que perderan o traballo.

BANDEIRAS A MEDIA HASTA

No aspecto sanitario, o PP propón a compra de máscaras homologadas para repartir no rural e as persoas maiores, así como o baldeo de calzadas e beirarrúas.

Noutra orde de cousas, os populares queren que se facilite acceso a Internet aos estudantes que carecen del. Outras iniciativas son as seguintes: facilitar duchas e aloxamento aos transportistas, facilitar a xestión de trámites administrativos a quen carece de medios para levalos a cabo; tramitación de solicitudes de axudas económicas a outras administración; que as bandeiras estean a media hasta e con lazo negro en memoria dos falecidos a causa do coronavirus Covid-19.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...