O número de ingresados por coronavirus no Hospital Público da Mariña aumentou este luns tras 33 días en estabilidade ou descenso. Un paciente permanece na planta do centro hospitalario de Burela, o patrón do buque Notre Dame, amarrado en Celeiro e no que se documentaron oito positivos, e dous na Unidade de Coidados Intensivos (Uci).
A cifra de hospitalizados en Burela por mor da pandemia non aumentaba, segundo a estatística oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), desde o pasado 2 de abril, cando se alcanzou o que por agora é o tope de persoas ingresadas por coronavirus, 23; desde entón, o cómputo baixou a 22 (día 7), 16 (8), 12 (9), once (10 de abril), nove (día 13), oito (14 de abril), seis (17) e dous (27).
223 CASOS NA PROVINCIA
Na provincia contabilízanse 223 casos, polos 222 documentados o pasado domingo. Deles, cinco permanecen en Uci, os outros tres no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Seis pacientes permanecen en unidades de hospitalización -un na Mariña, tres no Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA).
En domicilio computáronse 212 casos, un máis ca onte.
No histórico, a pandemia provocou 26 mortes na provincia –cinco delas na Mariña Lucense-. Un total de 616 persoas recibiu a alta.
569 FALECEMENTOS EN GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.056, deles 740 son da área da Coruña, 223 da de Lugo, 588 da de Ourense, 182 da de Pontevedra, 715 da área de Vigo, 468 da de Santiago, e 140 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 34 permanecen en Uci, 253 están en unidades de hospitalización e 2.769 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 6.234 persoas curadas, rexistrándose 569 falecementos. O número de PCR realizadas é de 104.990.
RESIDENCIAS
No tocante ás residencias da Mariña Lucense, o Sergas contabiliza os mesmos positivos có pasado día 3, oito. Distribúense da seguinte forma:
USUARIOS
1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)
1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)
TRABALLADORES
1 Residencia Cervo