A plataforma coordinadora da representación sindical nas auxiliares de Alcoa instou a través dunha carta aos tres grupos políticos maioritarios na Mariña Lucense –PP, PSOE e BNG– a presentar e aprobar unha moción en todos os concellos da bisbarra a favor do mantemento dos alomenos 43 postos de traballo que están no arame tras anunciar a multinacional que renuncia a reparar as cubas de electrolise da planta de aluminio que cheguen á fin da súa vida útil.
Coa medida de Alcoa de non realizar a rebrascaxe das cubas que chegan o final da súa vida útil, Reymogasa e Cyrgasa anunciaron Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) que afectarán a 30 e 13 empregados, respectivamente. Para a plataforma, este recorte trátase “do principio da fin da actividade na factoría, e os primeiros en pagar a factura somos os obreiros das auxiliares”.
Os comités de Cyrgasa e Reymogasa xa manifestaron o seu temor non só polos postos dos traballadores afectados, senón tamén pola posibilidade de que o recorte das tarefas de rebrascaxe de cubas, que permiten reactivar a maquinaria, teña un efecto global nestas empresas ao supoñer o contrato unha cantidade importante e fixa da facturación.
A coordinadora lembra que aglutina masa laboral de 21 empresas, un milleiro de operarios, o que representa “o 50%” do emprego directo derivado do complexo industrial.
IMPLICACIÓN DO ESTADO E A XUNTA
Deste xeito, pide ás corporacións mariñás que aproben unha iniciativa cos seguintes puntos: rexeitamento da medida anunciada pola multinacional de non rebrascar as cubas; apoio institucional aos traballadores afectados, en primeira estancia, que entrarán xa en Erte; solicitar a mediación da Xunta de Galicia para evitar que sexa efectiva a decisión da multinacional e se busque unha solución para que non paren as cubas, así como para que ningún traballador de empresas auxiliares perda o seu posto de traballo.
Finalmente, a moción inclúe reclamar ao Goberno central a súa “inmediata intervención” para “que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría, esta recupere o 100% da actividade e non se perda ningún posto de traballo.
Á ESPERA DE DATA PARA O INICIO DA NEGOCIACIÓN DOS ERTES
Por agora, nin en Reymogasa nin en Cyrgasa hai data de inicio de negociación dos Ertes, aínda que se agarda que se poida comezar o mércores. En diante, haberá un prazo de sete días para chegar a un acordo. Por agora, ningunha das dúas auxiliares informou oficialmente, segundo os sindicatos, de que tipo de expediente van presentar.
O presidente do comité de Cyrgasa, Diego Fernández, concreta que se aprobou en pleno a proposta para a participación de cinco representantes do organismo de representación dos traballadores máis un asesor por cada sindicato.
A relación foi comunicada á dirección, ao igual que en Reymogasa, onde o comité xa elixiu os seus representantes na negociación, segundo expuxo o presidente, Javier Prado.