O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo mantense en 161, segundo o reconto oficial ofrecido ao mediodía deste luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Catro persoas con positivo fican na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e outros dous pacientes -ambos ingresados por coronavirus e que contan xa con proba negativa- en camas de críticos do Hospital Público da Mariña.

Un doente que contraeu o virus permanece en planta no HULA. Non hai positivos nas unidades de hospitalización de Burela, segundo o cómputo do Sergas, despois de que se rexistrase a alta do patrón no Notre Dame.

En domicilio detéctanse 156 casos, sen variacións respecto da estatística oficial ofrecida o pasado domingo.

594 MORTES EN GALICIA

Un total de 27 persoas morreron na provincia a causa da pandemia, cinco delas na Mariña Lucense. Na área lucense déronse 715 altas.

Na comunidade galega rexistráronse ata o de agora 594 falecementos.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias da Mariña Lucense, tampouco se detectaron novos casos nin altas.

USUARIOS

1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)

1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)

A Xunta segue a manter no reconto tres positivos de usuarios no centro de maiores de Cervo, que segundo a dirección do centro xa contan con test negativo.

Por outra banda, o Goberno autonómico confirmou este luns que non hai ningún caso activo na vivenda comunitaria de maiores de Riotorto tralas probas a traballadores e usuarios.