O Concello de Viveiro pon en marcha un ano máis o servizo para o control da poboación urbana da gaivota patiamarela, que se prestará en todo o municipio, un servizo no que o goberno “foi pioneiro na provincia de Lugo”, asegura o executivo nun comunicado de prensa.
O obxectivo xeral é “previr e evitar o crecemento desmesurado da mesma, provocando posibles plagas e problemas de salubridade pública, ao tempo que se asegura o benestar desta especie”.
“Preténdese conseguir a reducción e desprazamento da poboación de gaivotas que ten colonizado o medio urbano, facendo uso do mesmo para alimentarse e colonizando os tellados para ubicar as súas zonas de cría, o que xera unha serie de problemas á veciñanza, como ruídos, malos olores, desperfectos nos tellados e, incluso, ataques a persoas”, prosegue o goberno local.
Na campaña anterior realizáronse 307 actuacións, accedendo a 586 tellados, nos que se retiraron 356 niños, 556 ovos e 166 polos.
O plan de actuación consistirá nun estudo poboacional inicial das gaivotas que usan o medio urbano durante a época reprodutiva e da súa distribución no casco urbano. Este estudio iniciarase este mes de maio e complementarase durante a campaña de retirada de niños, o que proporcionará unha referencia exacta do problema xerado para o concello de Viveiro.
Este servicio adaptouse á realidade do momento que nos afecta, con motivo do Covid-19 establecéndose un protocolo de seguridade específico, polo que os técnicos que visiten as edificacións afectadas acudirán provistos dos elementos de seguridade necesario: máscaras, pantallas de protección, luvas ou xeles desinfectantes.
AS VISITAS PROLONGARANSE ATÉ AGOSTO
As visitas comezarán este mes de maio e prolongaranse ata o mes de agosto, realizando un mínimo de días visitas a cada tellado afectado, para impedir o nacemento das postas. Nestas visitas os técnicos realizarán unha revisión ocular do tellado afectado e a retirada dos niños atopados, así como o seu contido (ovos, polos…); posteriormente, realizarase o mesmo proceso cun mes de diferencia entre visitas.
Ademais dos avisos que se reciban este ano, a empresa contactará con todos os veciños e veciñas que requeriron os seus servizos na pasada campaña. Así mismo, onde detecten niños a pesares de non ter recibido aviso, intentarán contactar cos propietarios co fin de poder actuar neses tellados.
Todos estes servizos contarán coas pertinentes autorizacións da Xunta de Galicia.
O GOBERNO LOCAL PIDE “COLABORACIÓN” Á VECIÑANZA
“Rogamos o máximo de colaboración tanto dos veciños afectados coma dos que detecten algún problema, xa que desta colaboración dependerán en gran medida os resultados do propio servizo, o que favorecerá a mellora da calidade de vida en Viveiro”, argumenta o goberno local viveirense.
Os cidadáns que así o desexen poderán solicitar o servizo a través do seguinte teléfono e enderezo electrónico de contacto:
- Larus Control (empresa concesionaria)- 689 838 359 / laruscontrol@hotmail.com