O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo descendeu a 117, sete menos có pasado mércores, segundo o reconto oficial ofrecido este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Despois de que falecese na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) de Burela un varón que ingresara varias semanas atrás por mor do virus, malia que xa contaba con proba negativa, non hai pacientes -nin en camas de críticos nin en planta- a causa da pandemia no Hospital da Mariña, segundo a mesma estatística oficial.

Deste xeito, a presión asistencial na área lucense reduciuse a catro doentes na Uci do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e un en planta.

En domicilio compútanse 112 casos, sete menos ca onte. Segundo o histórico do Sergas, morreron 27 persoas na provincia polo coronavirus, cinco delas na Mariña. Nesta estatística non se conta o varón falecido o pasado mércores, ao ter test negativo. Déronse 770 altas.

A NIVEL GALEGO SUPÉRANSE OS 600 FALECEMENTOS

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.074, deles 516 son da área da Coruña, 117 da de Lugo, 321 da de Ourense, 108 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 424 da de Santiago e 76 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 21 permanecen en Uci, 123 están en unidades de hospitalización e 1.930 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 8.157 persoas curadas, rexistrándose 601 falecementos. O número de PCR realizadas é de 120.424.

RESIDENCIAS

Non hai novidades no reconto no tocante ás residencias da Mariña Lucense, con dous positivos rexistrados.

USUARIOS

1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)

1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)