Os sabores da Mariña triunfan na Vuelta

A Asociación de Cociñeiros da Mariña preparou receitas con produtos da bisbarra na saída da etapa da Vuelta en Salamanca

Os cociñeiros da Mariña, no posto de 'E para comer, Lugo' na anterior edición da Vuelta. AXM

A Asociación de Cociñeiros da Mariña estivo o pasado martes na zona VIP da saída de La Vuelta a España, onde preparou diversas receitas con produtos da bisbarra para deleite dos afeccionados e personalidades que se achegaron polo posto da campaña ‘E para comer, Lugo‘, que impulsa a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Turismo de Lugo (APEHL).

Os chefs mariñaos cociñarán en tres etapas. Así, David Rodríguez Moledo, de A Mirandilla de Rinlo, Bruno Perna Arnaú, do restaurante mindoniense A Horta de Paula e Waldo José González-Redondo, da panadería Rubal, representaron á agrupación en Salamanca.

Afeccionados da Vuelta, a degustar os aperitivos. AXM

SÚMANSE MÁIS MEMBROS

Este mércores, o colectivo estará presente en Mombuey, e o xoves, en Mondoñedo, na apertura da etapa da Vuelta que percorrerá A Mariña. Participarán Jesús Villarino Gavín, do restaurante Asador (Barreiros); Jorge López, de O Pazo de Tovar (Lourenzá); Míchel Cociña, de Casa Miranda (Burela), e Alejandro Arca Uría, de Arume Gastrobar (Viveiro).

APERITIVOS

Todos os aperitivos foron elaborados con produtos da terra e ofrecéronse diferentes platos como empanada de Galo de Mós en berza da horta de Mondoñedo; pescada de Burela, mousse de Faba de Lourenzá e xel de Pementos de Mougán; Fabas de Lourenzá con Cordeiro de raza Ovella Galega; steak tartare de Rubia Galega con Arzúa Ulloa e Pemento de Mougán sobre Galletas Daveiga, e crema de queixo do Cebreiro e Mel de Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here