A prestixiosa revista de moda e estilo de vida Vogue recomenda nunha guía de viaxe varios recursos turísticos emblemáticos da Mariña Lucense, como Sargadelos e o Paseo dos Namorados ou a Feira do Bonito de Burela, de Interese Turístico Nacional.
Cada un dos redactores galegos da edición española de Vogue escolleu o seu lugar favorito. A Pasaxe do Pedrido, a Ribeira Sacra ou as Fragas do Eume foron algúns dos recunchos escollidos polos xornalistas.
A cervense Paloma Abad destacou o Paseo dos Namorados como un lugar que ben podería servir de inspiración para escribir ‘El Bosque Animado‘, recomendou unha visita pola fábrica de cerámica de Cervo e tamén, de non celebrarse finalmente a tradicional exaltación gastronómica de agosto en Burela por mor do coronavirus, probar o bonito tanto fresco como en conserva -ou en empanada- nos restaurantes e tendas da vila. Preme nesta ligazón para ler a reportaxe de Vogue.