IniciosociedadeVolven as visitas á residencia de Foz: "despois de tanto tempo, custa...

Volven as visitas á residencia de Foz: “despois de tanto tempo, custa non tocar os familiares”

A focega Bárbara Iglesias, que deu a luz á súa primeira filla en plena corentena, acudiu ao xeriátrico para ver á súa madriña, Ramona Otero, que cumpriu 90 anos durante o confinamento

Publicada o

- Advertisement -

Con máis ledicia aínda, pero tamén con máis limitacións, as visitas volveron á residencia de Foz. Despois de tres meses sen verse por mor do coronavirus, a focega Bárbara Iglesias acudiu ao centro de maiores para ver á súa madriña, Ramona Otero.

As medidas de seguridade para previr contaxios, especialmente entre unha poboación vulnerable ao virus como son os maiores, impoñen protocolos estritos que fan do encontro unha experiencia estraña; para algúns incómoda por fría, para outros, un mal menor para acadar o obxectivo de estar preto -aínda que sexa a dous metros de distancia– dos seres queridos.

PROTOCOLO

“Concertamos cita e fun a unha hora concreta. Nesa mesma chamada pídenche que leves máscara e luvas. Fóra hai como unha caseta de obra para agardar. Entrei eu primeiro, desinfectáronme a roupa, botáronme xel hidroalcólico. Medíronme a temperatura, cubrín unha enquisa e daquela, feito todo ese protocolo, xa vén o familiar”, resume Iglesias, que é da segunda corrente de pensamento, daqueles que dan por bo o esforzo e as dificultades.

“En realidade non leva moito e como pasaches tanto tempo sen ver ao familiar non resulta molesto”, remarca, engadindo que “estaba todo moi ben organizado e iso faino máis rápido”.

“SABE A POUCO”

Aínda así, mesmo con todas as advertencias dos profesionais sanitarios, resulta difícil comprender que non se pode tocar a quen se quere. “Cando miña madriña entraba ía dicindo: ‘entón xa me podo achegar e darlle un bico, non?'”, relata Iglesias. “Custa moito gardar as distancias, moito“, repite, “porque por fin podes ver ao teu familiar despois de moito tempo, pero iamos concenciados; eles tamén o teñen moi interiorizado”, sostén.

O tempo, ademais, está acotado. “Á fin é media hora… E sábeche a pouco”, confesa.

Como se fai para limar eses 200 centímetros? “Tiras bicos ao lonxe“, indica Iglesias, que salienta que, por riba de todo, prima a conciencia sobre a saúde. “O problema é que haxa un rebrote e se alongue máis a cousa, porque eles son as persoas máis vulnerables”, subliña.

PREOCUPACIÓN POLOS POSITIVOS

Atrás quedaron meses de videoconferencias, vídeos e fotografías para para tentar estar o máis xuntas posible nunha situación complicada. A residencia de Foz padeceu de cheo a crise do coronavirus, dado que doce persoas -entre usuarios e traballadores- resultaron infectados, e unha residente de 89 anos faleceu a causa da pandemia.

“Tivemos preocupación polos positivos, porque nunca sabes ata que punto pode afectar. Conviven moi estreitamente entre eles e non coñeces o risco do contaxio”, apunta Iglesias, que agradece a transparencia coa que exerceu a dirección do centro.

“Ves as novas da televisión e é inevitable poñerse no peor, dá medo”, explica, “pero en todo momento nos informaron de todo. Viamos con bastante frecuencia aos familiares por videochamada e iso fai que dentro da preocupación, teñas unha certa tranquilidade, porque ti mesma comprobas como están. Sentiamonos informados do que ocorría día a día”, resalta.

Pola outra parte, concreta, “Ramona sempre foi moi positiva e ademais creo que se animaban os uns aos outros. Entendían que era unha situación anómala. Desde o centro tentaban facerlles moitas actividades para que a rutina fose máis levadeira: escribir cartas, pintar…”, apunta Iglesias.

MOITO QUE CONTAR

Pareceu que pasara máis tempo, porque madriña e afillada tiñan moitas cousas que contar. Bárbara, o nacemento da súa primeira filla, Julia, o pasado 30 de abril. Dous días despois do 90 cumpreanos de Ramona, natural de Foz aínda que viviu boa parte da súa vida en San Miguel de Reinante e Ribadeo.

“Pasaron cousas importantes”, admite Iglesias, que visitaba á súa madriña con frecuencia antes do estado de alarma. “Cando a ía ver estaba embarazada e nós tamén quixemos facela partícipe do proceso: enviábamoslle ecografías, fotografías de Julia o día que naceu… Preguntaba moito pola nena e ao verme preguntou outra vez por ela, pero deuse conta axiña de que non a podía traer”, expón.

O 90 cumpreanos de Ramona tamén foi un día sinalado. “Tivemos que facer videochamada e desde o centro permitíronnos encargar uns pasteis e unha tarta para que celebraran todos”, relata Bárbara.

UN CAFÉ PENDENTE

Á espera de que a situación se normalice por completo, quedan así dúas celebracións pendentes, e algunha das humildes afeccións que Otero espera satisfacer en canto poida: “o que lle dá a vida é saír a tomar un café; foi o primeiro que me dixo”, indica Iglesias. O primeiro paso xa está dado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...