IniciosociedadeReaccións: o BNG solicita que se apracen as eleccións na Mariña e...

Reaccións: o BNG solicita que se apracen as eleccións na Mariña e Caballero pide a Feijóo unha reunión

Galicia En Común-Anova Mareas pide transparencia; Marea Galeguista insiste en adiar os comicios; Ciudadanos reclama "aparcar o electoralismo"

Publicada o

- Advertisement -

O peche da Mariña Lucense desde esta medianoite e durante alomenos cinco días decretado pola Xunta de Galicia despois de que se incrementaran significativamente os positivos por coronavirus -71 casos documentados nos últimos días para un total de 106, aínda que deles sete recibiron xa a alta- no brote localizado na bisbarra, suscitou diversas reaccións tanto a nivel municipal e comarcal como en Galicia e no Estado.

A MANCOMUNIDADE SOLICITA INFORMACIÓN DIARIA DOS CASOS

O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, pide á Xunta de Galicia que facilite aos rexedores municipais información diaria dos casos de contaxiados de Covid-19 por concellos e maior coordinación da Administración autonómica coas forzas de seguridade para garantir que todas as medidas se cumpran.

Cajoto salientou que “téñenos que pasar protocolos para que tanto a Garda Civil como a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local actúen de forma coordinada para garantir que todas esas medidas se cumpran. Tamén pedimos un maior liderado por parte da Xunta porque é un momento no que hai que tomar as rendas e atallar o virus con eficacia”, remarcou.

Cajoto lamentou que os establecementos de hostalería e do comercio local, “tan importantes na nosa comarca, reciben outro duro golpe despois do estado de alarma, no que tiveron que permanecer pechados. A economía vaise resentir”, apuntou, “e o que podemos facer desde os concellos e acompañar e axudar en todo o que sexa posible”.

O presidente da agrupación de municipios mariñá indicou que “hai que usar sempre a máscara e manter o distanciamento social. Depende da responsabilidade nosa, de todos os veciños; sabemos que unha mala actuación provoca un novo peche, que ninguén queremos”.

No seu municipio, afirmou, documentáronse cinco positivos nos últimos días e 15 na última semana.

O PSdeG: O BROTE “FÓISELLE DAS MANS” Á XUNTA

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e candidato á presidencia da Xunta, considerou este domingo que ao actual xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, “se lle foi das mans” o brote de coronavirus detectado na comarca lucense da Mariña, onde se rexistran 99 dos 258 casos activos en Galicia.

Perante a situación, o comité de campaña do Partido Socialista suspendeu os mítins na provincia de Lugo. O PSdeG sinala que a actividade se limitará a paseos e comparecencias no territorio.

“Os números van medrar ao longo dos próximos días dunha forma que nos preocupa”, declarou esta mañá Caballero, quen opinou que o Goberno galego actuou “con atraso” para atallar ese brote e previr a expansión da pandemia.

Así, instou a Feijóo a comparecer “inmediatamente” en sé parlamentaria para explicar o acontecido e as medidas que vai tomar o seu gabinete, aínda que non entrou a avaliar que pasará coa convocatoria electoral deste domingo 12 de xullo.

O BNG: “NON SE PODE ELIXIR ENTRE SAÚDE E VOTO”

O BNG reuniu de urxencia á súa Executiva nacional este domingo e pediu a suspensión das eleccións na comarca.

A formación propón esta medida ante a “dimensión” do brote, con 99 afectados e máis de 600 confinados, “nun contexto no que falta un protocolo” por parte da Xunta. “A día de hoxe, Galicia segue sen ter un plan de actuación para afrontar unha situación así”, insistiu a formación frontista.

Non se pode someter aos veciños da comarca ao “dilema de escoller entre a preservación da súa saúde” e o dereito ao voto, sinala o Bloque, que reivindica que os cidadáns “teñen dereito a exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria”. Sanidade considerou que as persoas confinadas, agás as Covid-19 confirmadas e probables, poderán ir votar.

Cando o brote estea “controlado e superado” será momento de “buscar a fórmula máis adecuada” para que os veciños dos 14 municipios afectados poidan exercer o seu dereito ao voto “con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias”, defendeu.

A formación que lidera Ana Pontón acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar con “improvisación e irresponsabilidade” desde que comezou o brote, “primeiro tentando minimizar o problema e despois tratando de eludir a súa responsabilidade nos Concellos“.

GÓMEZ-REINO ESIXE “TRANSPARENCIA”

O candidato de Galicia En Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, demandou á Xunta que “aplique as medidas necesarias para manter as garantías sanitarias e democráticas” na comarca da Mariña. Tras enviar o apoio da candidatura de esquerdas aos veciños da comarca do norte da provincia de Lugo, a cabeza de lista da alianza esixiu ao presidente galego que “nos sete días que quedan” á fronte da Xunta ofreza “información transparente” do que ocorre na Mariña.

MAREA GALEGUISTA INSISTE NO APRAZAMENTO DOS COMICIOS

O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, esixe ao presidente da Xunta, Alberto Núñex Feijóo, que convoque “de forma inmediata” o resto de forzas políticas para tratar o rebrote. O candidato insiste en que se a Xunta “non pode garantir a saúde pública e a seguridade dos cidadáns, así como o pleno dereito ao exercicio do sufraxio, tamén dos positivos en COVID-19, deben aprazarse as eleccións”.

CIUDADANOS APELA A QUE TODAS AS FORZAS “APARQUEN O ELECTORALISMO”

A candidata de Ciudadanos (Cs) nos comicios autonómicos do 12 de xullo, Beatriz Pino, apelou a “aparcar o electoralismo” ante o avance do rebrote e dixo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “terá o apoio” do seu partido se ten que “aumentar as medidas” para frear o coronavirus.

A través da súa conta de Twitter, a tamén portavoz de Cs en Galicia confirmou que falou coas autoridades sanitarias galegas para abordar a situación nesta comarca lucense. Así, Pino dixo nun tuit que “toca ser responsables e pensar só na saúde dos galegos”, a pesar de que o vindeiro domingo se abrirán as urnas das autonómicas. “Todos os partidos deben aparcar o electoralismo”, engadiu respecto diso.

BARBÓN PIDE PRECAUCIÓN AOS VECIÑOS DOS MUNICIPIOS LINDEIROS

O presidente do Principado de Asturias, o socialista Adrián Barbón, fixo este domingo un novo chamamento aos veciños dos municipios próximos á Mariña lucense a quen pediu extremar as medidas de seguridade para protexerse fronte ao coronavirus.

A través dunha mensaxe nas redes sociais, Barbón destacou que desde o Principado séguese con “preocupación” a evolución do brote en terras galegas.

“Ante a evolución do coronavirus na Mariña lucense, pido aos meus concidadáns dos concellos próximos que extremen as medidas de seguridade”.

LLANO: “PARECE QUE O QUE SE QUERE GARANTIR SON AS VOTACIÓNS”

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegura que o Concello decretará nas vindeiras horas o peche dalgúns parques e prazas co obxectivo de complementar as restricións da Xunta de Galicia e así tentar parar canto antes o brote de Covid-19 na comarca. Burela é o concello da Mariña onde hai máis positivos e confinados, segundo concretou Sanidade.

“Agora mesmo onde máis contaxiados e confinados hai é en Burela. Nós seguramente que ampliemos estas medidas decretadas pola Xunta para garantir unha maior seguridade e evitar ao máximo posible os contaxios. Imos pechar algún parque e algunha praza e faremos tarefas de control, de recomendación e de información a todo o mundo que estea na rúa”, indicou.

Sobre as medidas adoptadas pola Xunta, aseverou que “aquí parece que se quere equilibrar todo no aspecto de garantir que se vaia votar o vindeiro domingo. Sería preocupante que unha vez superados os cinco días sigamos no mesmo plano ou se complique aínda. Agardemos que todo vaia ben, porque se non sería un pouco irresponsable planificar so para cinco días co único propósito de respectar as eleccións”, xulgou.

CANCELADAS AS RUTAS XEOLÓXICAS

As Concellerías de Turismo e Medio Ambiente de Burela suspenden as rutas xeolóxicas da vindeira semana, debido ao confinamento da comarca da Mariña que vai decretar a Xunta desde a media noite.

Ramiro Fernández, edil de Turismo, comentou esta tarde que “para estes días estaban previstas dúas rutas, a do Perdouro mañá, día 6, e a do Cantiño o mércores, 8 de xullo. Estas quedan canceladas, debido á situación na que nos atopamos. E despois teremos que decidir en función dos acontecementos”, conclúe.

O Concello de Burela xa adiara as visitas ao Barco-Museo e a lonxa, ademais de suspender as escolas deportivas de verán.

EN VIVEIRO PECHARANSE PARQUES E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, adiantou que malia que o Concello “agarda” á publicación da normativa no DOG, traballa xa en “medidas extraordinarias” para previr contaxios. “Non somos o municipio que máis positivos ten, pero estanse a facer centos de probas e hai que ser precavidos”, expuxo Loureiro.

“Imos pechar os parques infantís e as instalacións deportivas municipais” durante os cinco días do peche para “evitar aglomeracións e grupos de persoas non convivintes”, indicou Loureiro, que pide “colaboración” aos cidadáns. Tamén concretou que se revisarán con rigorosidade os aforamentos das terrazas.

SUÁREZ BARCIA: “TEMOS QUE ACTUAR COMO SE HOUBESE UN MAIOR NÚMERO DE CASOS”

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, concretou que no municipio, “nos últimos sete días, só houbo un caso e nos últimos tres días só se volveu dar outro caso. Son cifras moi distanciadas das de outros concellos da Mariña”, afirmou.

En todo caso, asegurou, “para parar todo isto temos que actuar como se estivésemos sufrindo un maior número de casos. Durante este tempo temos que comprometernos a cumprir escrupulosamente todas estas instrucións” que publique a Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG), concluíu.

O PP “ADAPTARÁ” A CAMPAÑA NA BISBARRA

O PP difundiu un comunicado no que informan de que os seus candidatos por Lugo con domicilio na Mariña decidiron “adaptar os actos da súa campaña electoral” ás instrucións da Consellería de Sanidade.

Os conservadores aseguran que os seus candidatos con domicilio na Mariña “cumprirán estritamente” estas indicacións, aínda que “seguirán informando os cidadáns da importancia de acudir a votar e de facelo por Alberto Núñez Feijóo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...