A tripulación do Punta do Xuncos segue confinada e á espera dos resultados das PCR

O palangreiro, con 13 tripulantes, tivera que regresar ao porto de Burela despois de que un dos mariñeiros tivese síntomas compatibles co virus

Punta do Xuncos. WIKIPEDIA

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo ascende a 80, tras cinco novos positivos, detectados a raíz do foco de Cospeito-Castro.

Das 80 persoas infectadas, hai tres en hospitalización, ningunha delas na Mariña Lucense. Dous ingresados con Covid-19 permanecen no Hospital Público de Monforte, mentres que outro paciente fica no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Un total de 77 doentes son atendidos en domicilio, cinco máis ca onte.

O Sergas non ofrece desde o pasado luns datos concretos sobre o brote da Mariña. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reunirase este mércores cos alcaldes dos 14 municipios do distrito sanitario para abordar a normativa que rexe nesta zona.

No relativo ao Punta do Xuncos, o palangreiro que tivo que regresar ao porto de Burela despois de que un dos mariñeiros tivese síntomas compatibles co virus, estase á espera dos resultados das probas realizadas o pasado luns. Alomenos tres dos 13 tripulantes deron positivo nos tests.

No tocante ás residencias, hai un único positivo na Mariña, o dunha traballadora do xeriátrico San Bartolomeu de Xove. Non se detectaron máis casos despois de realizarse PCR a todos os empregados e usuarios do centro de maiores xovense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here