A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense estrea nova web turística para a promoción do xeodestino e, ao mesmo tempo, para a divulgación e interpretación de todo o seu patrimonio. O obxectivo pasa por motivar ao turista a explorar e descubrir todas as posibilidades da comarca. Nunha segunda fase, a desenvolver nos próximos meses, incorporarase unha nova funcionalidade, que consistirá nunha ferramenta coa que se creará unha sección de servizos turísticos no xeodestino. Trátase dunha iniciativa que o colectivo de municipios leva a cabo coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, considera que “para poñer en valor toda A Mariña, desde logo hoxe en día é fundamental unha páxina web completa, unha páxina web de turismo que aglutine todos os recursos da comarca, que nos poña no mapa a nivel de rutas, de recursos e aloxamentos, e que sexa ao final o nexo de unión entre os que nos queren visitar e nós mesmos. Desde logo estamos moi ilusionados con este proxecto e con esta nova web, renovada, funcional, clara e concisa, e que seguiremos ampliando coas distintas actividades que faremos. Sigue en construción, pero xa resulta moi oportuna e dá mostras do gran traballo que está a facer a nosa xerente. Esperemos que a todo o mundo guste, que surta efecto e que nos veñan visitar tamén fora de tempada de verán”, resume o presidente do colectivo de municipios.
O 80% DOS VIAXEIROS DECIDE O DESTINO A TRAVÉS DA REDE
Internet é a principal ferramenta a disposición da cidadanía para descubrir e localizar información sobre os recursos e servizos dispoñibles nun territorio. En concreto, no mundo do turismo, máis do 80% das persoas empregan internet como principal fonte de información para preparar as súas viaxes.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, manifestou que “a Mancomunidade tiña a necesidade de transmitir á cidadanía información sobre o seu extenso patrimonio para a promoción dun turismo sustentable e a divulgación e interpretación do patrimonio natural e cultural presente na comarca”. Con esta nova web, foméntase o “explorar e descubrir” o xeodestino mostrando ao mesmo tempo unha visión global e en detalle de todos os contidos. A web conta cunha ampla presenza de mapas que van mais aló da típica xeolocalización de recursos e servizos: serven tamén de ferramenta de comunicación e incitan á aventura de explorar as posibilidades do territorio.
DESESTACIONALIZAR O TURISMO, O OBXECTIVO
Hermida engade que “a Mancomunidade pretende mellorar a percepción que o cidadán ten da Mariña Lucense como destino turístico, atraer a máis visitantes fóra de tempada e incitar ao turista real e potencial e aos propios mariñaos a explorar e descubrir toda a riqueza da comarca, facer que o usuario se sinta a gusto navegando polos contidos, aínda que a cantidade destes sexa cuantiosa, e conseguir que a cantidade e variedade das posibilidades turísticas da rexión sexa un factor relevante para a toma de decisións á hora de mercar a Mariña Lucense como destino turístico, axudando ao futuro visitante a planificar a súa futura viaxe pola comarca. Así mesmo, búscase apoiar ao visitante in-situ, achegándolle información complementaria aos lugares que está a visitar e axudando a desprazarse polo xeodestino”, explica.
Esta nova web turística “é un proxecto vivo, dende a Mancomunidade continuarase mellorando e ampliando o seu contido, levarase a cabo a tradución ao inglés da información que se recolle e ao longo dos próximos meses incorporarase unha nova funcionalidade que consistirá nunha ferramenta coa que se creará unha sección de servizos turísticos no xeodestino”, conclúe.
SEGUEN AS XORNADAS GASTRONÓMICAS E AS RUTAS
“Seguimos traballando nun sector estratéxico como é o turismo na nosa comarca”, remarca Cajoto. Xa vimos facendo distintas actividades, moi importante foi a campaña de promoción Vuelve a encontrar el norte, tamén as xornadas gastronómicas #DegustaAMariña en colaboración coa FCAM. Agora continuamos con A Mariña en Ruta, coñecendo distintos atractivos que ten a nosa comarca, distintas paisaxes e recursos tan importantes como o xeolóxico, que non coñece o veciño de a pé, e poñendo en valor o enorme patrimonio tanto cultural como natural que temos”.