Setenta e dous contaxios novos na provincia en 24 horas, con oito altas

O número de casos activos de Covid-19 na área lucense aumenta a 547; hai un ingresado en Monforte e 13 no HULA, dous deles na Uci

Entrada de urxencias do HULA. EFE/ELISEO TRIGO

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo continúa disparado. Segundo o reconto ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), son 547 positivos, 65 máis ca na última actualización. No tocante aos casos novos, producíronse 72 contaxios en 24 horas, e tamén se deron oito altas.

Dos 547 pacientes, hai 14 ingresados, un máis ca onte. Dous permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (Uci), ambos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Outros doce fican en planta, once no HULA e un en Monforte. Un total de 533 doentes son atendidos en domicilio.

No histórico da provincia desde o inicio da pandemia documéntanse 33 falecementos, seis deles na Mariña, ademais dunha sétima vítima mortal que morreu na Uci de Burela despois de ingresar por Covid-19 e superar a doenza durante o seu período na unidade de críticos. Déronse 1.331 altas e o número de casos acumulados aumenta a 1.911.

No tocante ás residencias, documéntase un único positivo na Mariña, o dunha traballadora do xeriátrico San Bartolomeu de Xove. Non se localizaron máis positivos nin entre o persoal nin entre os usuarios. No centro de maiores do Inicio hai 87 maiores e 26 traballadores infectados; un obreiro en Paradela e outros dous empregados en Outeiro de Rei.

GALICIA REBASA OS 3.100 CASOS, CON 200 MÁIS

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.139, 200 máis ca onte; deles 1.351 son da área da Coruña, 547 da de Lugo, 292 da de Ourense, 187 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 450 da de Santiago, e 123 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en Uci, 100 en unidades de hospitalización e 3.027 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.292 persoas curadas, rexistrándose 635 falecementos. O número de PCR realizadas é de 322.198.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here