IniciosociedadeLicitada en 67.000 euros a redacción do proxecto construtivo para evitar inundacións...

Licitada en 67.000 euros a redacción do proxecto construtivo para evitar inundacións en Xunqueira

Con seis meses de prazo para a súa conclusión, o plan contempla o aumento e naturalización do leito do río, a ampliación de pontes ou a reubicación do lavadoiro

Publicada o

- Advertisement -

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de licitar a redacción do proxecto construtivo para definir as actuacións precisas para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro.

A plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos por un importe duns 67.000 euros. As empresas interesadas na redacción deste proxecto teñen de prazo ata o día 16 de outubro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de seis meses.

OBRAS

Trátase de deseñar o proxecto que servirá de base para executar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área identificada como de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, ao seu paso polo núcleo de Xunqueira.

Nos traballos que se desenvolverán neste contrato inclúense actuacións destinadas ao necesario aumento e naturalización do leito do río, reforzo de cimentacións danadas, ampliación de pontes, adecuación dalgunhas das infraestruturas pegadas ao leito, así como a reubicación dun lavadoiro.

PLAN ESPECÍFICO DE XESTIÓN DE RISCO

A Xunta destaca que elaborou “un plan específico de xestión de riscos de inundación para Xunqueira, no que propón varias actuacións susceptibles de ser desenvolvidas nun proxecto construtivo. Este plan foi presentado ao Concello coas distintas alternativas identificadas e a eficacia calculada para cada unha delas na redución dos riscos de inundación”, remarca.

“O Concello elixiu as alternativas que considerou oportunas, e solicitou á Xunta a súa colaboración na concreción das mesmas nun proxecto a nivel construtivo. Para iso, Xunta, Concello de Viveiro e Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio de colaboración, polo que Augas de Galicia asume a contratación dos traballos licitados hoxe, cofinanciando as tres administracións a partes iguais o investimento necesario previsto para este fin”, continúa o Goberno autonómico.

“Neste plan específico elaborado pola Xunta, inclúense tamén recomendacións para a toma de medidas precisas por parte do Concello para protexer á poboación de Xunqueira ante episodios de enchentes. Entre elas, a aplicación de políticas urbanísticas que respecten as contornas fluviais do río, a redacción dun Plan de actuación municipal para as inundacións ou a promoción da contratación de seguros contra os danos por riadas”, conclúe.

O RÍO REBORDOU NO 2018 COBRÁNDOSE UNHA VÍTIMA MORTAL

O río Fontecova rebordou o 18 de novembro do 2018, causando a morte dunha veciña do barrio de Xunqueira, e cuantiosos desperfectos materiais. A veciñanza responsabilizou da riada á falta de limpeza do treito alto do río, responsabilidade da Xunta de Galicia, mentres que o Goberno autonómico defendeuse alegando que chuvias como as daquela xornada “prodúcense cada 500 anos“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...