O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, pide á Xunta de Galicia información sistemática e obxectiva dos casos de coronavirus que teñan os concellos en cada momento para poder actuar con maior dilixencia e eficacia. Ao rexedor parécelle desalentador ter que coñecer pola prensa cantos positivos hai nun concello, como ocorreu esta pasada fin de semana. No municipio hai dous positivos, segundo os datos facilitados polos responsables do Hospital Público da Mariña.
DOUS CONTAXIADOS NO MUNICIPIO
O rexedor declarou que “nesta fin de semana houbo varias informacións relativas aos casos de coronavirus activos na Mariña, e concretamente algunhas informacións de medios de comunicación dicían que Ribadeo, xunto con Burela, éramos os concellos onde máis incidencia había deste mal”.
O alcalde ribadense dixo que “aínda onte, domingo, se falaba de que Ribadeo podía ter unha cifra de entre cinco e dez afectados, e de todo isto desde o Concello de Ribadeo non tivemos a máis mínima información fidedigna sobre o número de casos. A min paréceme polo tanto moi desalentador para un Concello ter que enterarse pola prensa de cantos positivos hai nos nosos concellos”, salientou.
Suárez Barcia contou que “agora, pola mañá, acabo de falar con responsables do Hospital da Costa para preguntar polo número de positivos que temos no noso concello e sorpréndome gratamente da resposta porque, segundo estes responsables, o número hoxe é de tan só 2, é dicir nin cinco, nin dez, nin nada do que se publicou anteriormente”.
“MERECEMOS INFORMACIÓN SEN INTERMEDIARIOS”
O rexedor considera que “á vista de todo isto, penso humildemente que a situación sociosanitaria de toda a cidadanía merece e merecemos que as diferentes Administracións estean coordinadas, e para iso temos que ter información fiable, sen intermediarios, polo que a Xunta non debera deixar de facer, o que fixo no verán (durante o peche da Mariña), cando nos mandaba aos alcaldes e ás alcaldesas a información sistemática e obxectiva dos casos que tíñamos en cada concello, porque así os gobernos municipais podemos actuar con maior dilixencia e con maior eficacia. Ao mesmo tempo non se xeran alarmas e se realmente a situación é grave tamén a cidadanía ten dereito a sabelo”, remarca.
“Coido polo tanto que non hai tempo mellor ca este para poder actuar coordinados, aínda que para actuar coordinados quen ten a información, e isto é a Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade, ten que dala axeitadamente”, finaliza.
A XESTIÓN DA INFORMACIÓN POLO SERGAS, CRITICADA
A Xunta de Galicia foi obxecto de críticas pola súa xestión da información desde o inicio da pandemia do coronavirus. O Goberno autonómico é un dos poucos de España que non facilita información dos positivos municipio por municipio, e sanitarios da Mariña alertaron dun desfase significativo entre o número de casos que manexaban sobre o brote do pasado verán e o comunicado polo Executivo galego á prensa. De feito, un auto xudicial demostrou, como publicou Xornal da Mariña, que os datos remitidos ao Xulgado tampouco coincidían cos expostos ante a opinión pública.