InicioEn ProfundidadeA Xunta admite que non comunicou "por erro" 15 casos do brote...

A Xunta admite que non comunicou “por erro” 15 casos do brote que si recollía o informe citado no auto

O Sergas alega que omitiu ante a opinión pública por equivocación "nove altas" e seis positivos relacionados co foco, dos que "ningún reside na Mariña"

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia admitiu este venres que non comunicou á opinión pública “por erro” un total de 15 casos relacionados co brote da Mariña. O Xornal da Mariña advertira de que os 224 positivos -con data 9 de xullo- recollidos nun informe citado nun auto xudicial non coincidían coa cifra de pacientes que se desprendía das informacións públicas diarias da Consellería de Sanidade.

O pasado xoves, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) emitía un comunicado de prensa no que aclaraba que os datos citados pola xuíza, nun auto que ratificou as medidas de peche adoptadas o pasado 10 de xullo para Mariña Lucense, referíanse aos positivos “acumulados“, é dicir, non só a aqueles “activos” -os que non cumpren os criterios para recibir a alta epidemiolóxica e poden seguir contaxiando- senón tamén a quenes recibiron a alta. Con todo, os 224 casos totais que cita a maxistrada tampouco cadraban cos transmitidos a a medios de comunicación e cidadáns; o 9 de xullo a Xunta computaba 190 doentes totais -165 activos e 25 de alta-, e o día 10 anunciaba 209 -182 infectados e 27 curados-.

DESFASE DE NÚMEROS

Despois dunha primeira explicación parcial, na que aludía á diferenza de criterio entre os datos revelados á xuíza e os oficializados ante a opinión pública, o Sergas admite agora que, ademais, houbo tamén un desfase de números entre os positivos que recollía o informe que remitiu ao Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo e os que comunicou aos cidadáns.

A Xunta expón que os datos comunicados á xuíza a 9 de xullo son aqueles que publicou ao día seguinte, 10 de xullo, en nota de prensa. A diferenza entre os 224 positivos acumulados que manexaba a maxistrada e os 209 que oficializou o Sergas reside, explica Sanidade, en que “houbo un erro no número de altas comunicado; foron 36, non 27“. Esta corrección minguaría o desfase en nove pacientes, pero para contar os 224 faltan outros seis. Correspóndense, alega Sanidade, “con seis casos máis -activos- asociados ao brote pero non residentes na Mariña, que se rexistran noutras áreas”.

Deste xeito e segundo a explicación da Consellería, o número de positivos activos sería de 182, con outros seis residentes fóra da comarca, e a contía de altas ascendería a 36, dos que sairían os 224 casos acumulados ou totais comunicados ao xulgado.

NON CONCRETA QUE SEIS CASOS DE RESIDENTES FÓRA DA COMARCA FIGURAN ERRONEAMENTE NO INFORME

A explicación do Sergas, con todo, continúa a ser parcial. Primeiro, porque o auto xudicial, que se pode consultar nesta ligazón (AUTO PRORROGA A MARIÑA MSN 121 2020), estipula claramente o municipio no que residen os 224 pacientes:

Así pues, el 09/07/2020, el Concello de Burela, contaba
con un total de 157 casos con una tasa acumulada de 1.637,5;
seguido de Foz con: 22 casos, Viveiro: 14, Xove: 12, Cervo: 4,
O Vicedo: 3, Ribadeo: 4, Alfoz: 1, Barreiros: 5 y Lourenzá: 2.

O Sergas non aclara cales son os pacientes destes municipios que, segundo argumenta, están mal ubicados no informe remitido ao auto e residen noutros concellos fóra da comarca.

SEGUNDO O SERGAS, A CIFRA DE AFECTADOS ASCENDERÍA A DÍA DE HOXE A 239, 95 DE ALTA

Por outra banda, que haxa 15 casos -seis activos, todos non residentes na Mariña segundo o Sergas, e outros nove de alta- máis dos 209 comunicados inicialmente, fai que a cifra de positivos acumulados sexa significativamente superior á manexada pola opinión pública en base á información oficial recibida.

Deste xeito, e atendendo á explicación do Sergas, este venres, 17 de xullo, cando se reportan dous novos casos máis e catro altas, para 138 infectados e 86 curados (224), habería que engadir outros 15 afectados que quedaron no limbo informativo, os seis non residentes na comarca e os nove curados: para un total de 239 persoas afectadas polo brote, 144 activos e 95 coa alta epidemiolóxica.

SANITARIOS ADVERTIRAN DA NON CONCORDANCIA DOS DATOS

Un desfase de cifras sobre o que alertaron sanitarios da Mariña, que cuestionaron a fiabilidade dos datos ofrecidos ao público, vendo na Xunta a intención de “confundir” para xustificar a celebración das eleccións autonómicas. A resposta do Sergas á denuncia pública destes profesionais foi atribuírlles “intereses electorais”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...