IniciosociedadeViveiro aproba 240.000 euros en axudas a 282 pemes e autónomos; Cervo...

Viveiro aproba 240.000 euros en axudas a 282 pemes e autónomos; Cervo publica as bases das súas

O goberno viveirense desestima 81 peticións; no municipio cervense os solicitantes recibirán entre 100 e 850 euros en función de factores como a posesión dun local ou o persoal empregado

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro informou, con respecto ás axudas para o impulso da actividade económica dirixidas a autónomos e microempresas obrigados a suspender a actividade pola pandemia, que no día de hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou o listado de solicitudes estimadas e desestimadas, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios da web municipal. Podes consultar a lista completa nesta ligazón.

O goberno local aceptará finalmente un total de 282 solicitudes, polas 188 aprobadas en principio, xa que arredor dun centenar de autónomos e empresas non presentaran toda a documentación. Cada empresa percibirá un total de 850 euros, de xeito que o investimento será de 239.700 euros, dun orzamento previsto de medio millón, segundo o pacto orzamentario entre o executivo municipal socialista e Por Viveiro.

AQUELAS EMPRESAS VIVEIRENSES QUE PEDIRON O PAGO ANTICIPADO COBRARÁN A PARTIR DO LUNS

Un total de 81 peticións foron desestimadas por diversos motivos, expostos no documento pendurado polo Concello.

“Está previsto que a vindeira semana se proceda ao ingreso das axudas a aquelas persoas que tiñan solicitado o pago anticipado. Todos os beneficiarios teñen todo o mes de novembro para presentar a xustificación do 100% da subvención, procedéndose ao pago da totalidade da subvención concedida con posterioridade”, expón o goberno municipal viveirense.

AS PRESTACIÓNS PODERANSE SOLICITAR EN CERVO DESDE A VINDEIRA SEMANA

Por outra banda, o goberno de Cervo anunciou que desde a vindeira semana xa se poderán solicitar “as axudas para a reactivación económica e social do municipio, dirixidas a todas as persoas autónomas –que inclúen ao sector agrario e pesqueiro- e microempresas que exerzan a súa actividade no ámbito municipal”.

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, expuxeron que as bases xa se poden consultar na web municipal e serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nos vindeiros días.

Reserváronse 90.000 euros do orzamento municipal –explican os representantes do Concello- “para tentar botar unha man a todas esas persoas emprendedoras de Cervo que certamente están a sufrir con virulencia as consecuencias da pandemia”. Cada persoa autónoma “recibirá un mínimo de 100 euros e un máximo de 850”, en función de factores como a posesión ou non de establecemento físico para o exercicio da súa actividade ou o número de empregados; unha axuda que tamén pretende ser un estímulo para incentivar a actividade no municipio.

O plan “suporá un incentivo de 100 euros para todos os emprendedores con ou sen local, unha contía á que sumará 200 euros se dispón de local; e 200 euros máis se ten entre dous e cinco traballadores; ou ben 500 euros se emprega a máis de cinco persoas; o que sumaría a contía máxima de 850 euros a recibir”, concretan desde o goberno municipal.

O EXECUTIVO CERVENSE INSTA A CONSUMIR NO COMERCIO LOCAL

Desde o Concello apuntan que nestes momentos que “a solidariedade cidadá en todos os aspectos é fundamental para poder superar esta situación canto antes e recordan a necesidade imperiosa de consumir o máximo posible nos establecementos das nosas vilas; entre todos temos que botarnos unha man”, argumentan.

Esta axuda vén sumarse a outras medidas que nesta liña se tomaron desde o Concello de Cervo para tentar contribuír a paliar os efectos do coronavirus entre os pequenos empresarios do municipio así; “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche; tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e modificouse a ordenanza para eliminar a taxa de terraza desde o 15 de marzo e durante todo este ano”.

O PP DE FOZ RECLAMA QUE NON SE COBRE A TAXA POLA OCUPACIÓN DA VÍA PÚBLICA PARA TERRAZAS

Por outro lado, o Partido Popular de Foz criticou que o Concello lle pase á hostalería a taxa por ocupación de vía pública en función do espazo realmente ocupado, “cando (os hostaleiros) estaban convencidos de que o goberno local non a aplicaría á parte ampliada”.

O portavoz do PP focego, Javier Castiñeira, asegurou recibir “as queixas de moitos empresarios” porque “están chegando os recibos de ocupación de vía pública do mes de xuño, un mes no que, recordamos, o alcalde, despois do confinamento, dixo que ía tratar de eliminar os pagos de varios servizos e facilitar a ocupación de vía pública con terrazas, para facilitar o traballo aos hostaleiros”. Os populares reclaman ao rexedor, Fran Cajoto, que “reconsidere esa decisión”, e insisten en pedir axudas económicas desde o goberno municipal para o sector, “como se está a facer noutros Concellos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...