Llano pide explicacións tras seguir Burela pechada ata alomenos o martes en alerta amarela

O rexedor urxe á Xunta a aclarar por que municipios en aviso vermello non teñen restrinxidas mobilidade e hostalería: "para que a xente se corresponsabilice ten que entender as normas"

Control da Garda Civil EFE/ELISEO TRIGO

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, felicitou á poboación do municipio por lograr conter a Covid-19 e baixar da alerta vermella á amarela nos últimos días. O rexedor agarda que a Xunta de Galicia explique ben por que algúns concellos con nivel vermello no mapa epidemiolóxico do Goberno autonómico non están afectados polo peche da hostalería nin polo confinamento perimetral e os que melloraron sigan padecendo estas restricións –tamén é o caso de Viveiro– alomenos ata o vindeiro martes, cando se reunirá de novo o comité clínico.

Llano valorou que “vemos que se mellorou dunha forma clara. Estabamos en nivel vermello e estamos agora en nivel amarelo, o que quere dicir que estamos en nivel 1 de alerta. A taxa acumulada de catorce días -entre 28 e 42 casos- tamén se mellorou moitísimo, polo tanto a corresponsabilidade e a forma de levar os protocolos están dando un resultado total”, afirmou.

Así, o rexedor dixo que “seguimos agardando o que diga o comité clínico que estivo reunido, tanto o martes como hoxe, para decidir como se continúa co peche perimetral ou a que nivel nos teñen con respecto a salvagardar os contaxios do virus. Era a nosa intención ver se era posible abrir e situarnos no paso anterior, antes de entrar esta normativa, con movemento económico, no sector hostaleiro sobre todo, e poder recuperar polo menos a mobilidade e poder saír do contorna do concello. Pero imos ter que agardar ao próximo martes a ver que ocorre”, lamentou.

PIDE UN “EQUILIBRIO” ENTRE A SAÚDE E A ACTIVIDADE ECONÓMICA

“Nós como concello estamos respondendo dunha forma total e iso tamén se debe ver reflectido isto nas decisións novas que se están tomando”, argumentou Llano. “Todo hai que pensalo loxicamente para garantir a sanidade e a saúde, pero tamén hai procurar un equilibrio socioeconómico“, xulgou.

O alcalde insistiu en que “espero que o próximo martes se decida en función dos parámetros actuais no municipio. Pero tamén hai que pedir que isto se explique desde o comité clínico, desde a Xunta de Galicia, por que neste estado estamos confinados e vemos como hai concellos que están en alerta vermella e sen embargo están sen esta medida de peche perimetral. Iso teñen que explicalo ben para que se entenda, para que motive á xente a seguir participando, a seguir colaborando e corresponsabilizándose do que está ocorrendo”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here