O pasado domingo faleceu no Hospital Público da Mariña unha muller de 96 anos diagnosticada de Covid-19, procedente da residencia de San Cibrao, no municipio de Cervo. Trátase da sétima vítima mortal do brote localizado no xeriátrico cervense.
Unha muller de 84 anos, o pasado 9 de novembro; dúas mulleres, de 89 e 92 anos, os pasados días 6 e 7 de novembro; outra anciá, de 91, o 3 deste mes; e unha muller de 89 anos e un home de 81, o pasado día 1, foron as anteriores vítimas mortais do abrocho.
Segundo concretan fontes de Mensajeros de la Paz, concesionaria do servizo, de titularidade municipal, quedan 24 usuarios contaxiados no centro de maiores e outros sete con positivo hospitalizados en Burela, para un total de 31 infectados. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicara días atrás oito altas de residentes, un dato co que a empresa non concorda. Ademais, hai 14 traballadoras infectadas. Este luns realizáronse novas PCR tanto aos maiores como ao persoal que deu negativo, a fin de confirmar que non contraeron o virus.