A Xunta de Galicia anunciou que o comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de levantar as restricións especiais en tres concellos da provincia de Ourense, Verín, Amoeiro e Coles; noutros tres da provincia da Coruña, Trazo, Boqueixón e Val do Dubra; nun da provincia de Lugo, Monforte; e noutro da provincia de Pontevedra, Campo Lameiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2. Así o acordou a Consellería de Sanidade logo da reunión de hoxe pola tarde, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Así mesmo, os expertos que avalian a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar ao concello de Moaña ao grupo de municipios con restricións especiais. As medidas serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores ao xoves.
Deste xeito, as restricións de nivel 1 -entre elas o confinamento perimetral e o peche da hostalería- seguirán en Viveiro e Burela, que levan aplicando esta normativa desde o 6 de novembro.
Monforte confirmou 21 casos novos nos últimos 14 días, cunha taxa de incidencia acumulada menor aos 150 positivos por 100.000 habitantes; son datos similares aos de Viveiro, que incluso conta menos contaxios -18- nas dúas últimas semanas. En Burela efectuáronse 35 PCR positivas nese mesmo prazo, con máis de 250 infectados nunha proxección para 100.000 residentes.