O número de casos activos de coronavirus baixa a 606, 18 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este mércores polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 31 positivos novos.
Dos 606 contaxiados, 30 permanecen ingresados (cinco máis ca onte). O Hospital da Mariña atende dous pacientes con Covid-19, os mesmos ca na anterior actualización, mentres que o HULA coida de 24, entre eles os tres da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos. O centro hospitalario de Monforte ten catro positivos.
No histórico da provincia contabilízanse 137 falecementos, logo dunha nova morte relacionada co brote na residencia de Vilalba, con 5.788 altas e 6.532 contaxios acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 108.268 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 711 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica, o concello de Foz, o único no que se localizaban máis de dez positivos novos nos últimos 14 días, 15 na xornada de onte, sitúase este mércores por debaixo da decena de contaxios confirmados en dúas semanas. O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Barreiros e Trabada seguen libres de Covid-19, mentres que o resto dos municipios mariñaos teñen entre un e nove infeccións no mencionado prazo.
Le a información completa a nivel galego nesta ligazón do Galicia Confidencial.