O Concello de Viveiro informa de que, segundo os datos facilitados pola xerencia de Sanidade ás 18.00 horas, hai 27 casos activos no municipio, despois de que se multiplicasen nas últimas semanas: o pasado luns tiña oito.
Trátase, segundo expuxo o goberno local nun comunicado de prensa, dun “pequeno gromo -hai tamén algún caso de positivos illados- que se detectou despois de que o pasado domingo se confirmase o contaxio dunha nena, alumna da gardería municipal. A partir de aí, realizáronse as probas ás profesoras e nenos que comparten aula coa nena, dando todos eles negativo; por prevención, tamén se realizaron PCR a todos os demais alumnos do centro, que están dando tamén negativo”, explicou o Concello.
“Por outra banda e dende o primeiro momento, iniciouse un rastreo entre familiares e contactos estreitos, en coordinación entre Sanidade e o Concello de Viveiro, para intentar controlar o gromo o antes posible e evitar a súa propagación”, afirma o goberno municipal, concretando que “estanse a facer decenas de PCR e o número de positivos incrementouse de forma notable de luns a martes. Parece que agora se está estabilizando, polo que hai que tentar manter a calma e agardar aos resultados das probas realizadas nestes últimos días”, precisa.
POSITIVO DO TENENTE DE ALCALDE
“Ademais, un membro da corporación local, en concreto o tenente de alcalde, deu positivo, polo que o resto do grupo de goberno e os traballadores do Concello están cumprindo os protocolos establecidos e se están facendo probas ás persoas que estiveron en contacto con él”, expón o goberno viveirense.
“Dende o Concello de Viveiro quérese transmitir unha mensaxe de tranquilidade para non alertar á veciñanza, incidindo, non obstante, na necesidade de cumprir todas as medidas establecidas e non baixar a garda, extremando a prudencia en beneficio da saúde pública”, finaliza.