IniciosociedadeO BNG reabre o debate sobre un partido xudicial para A Mariña...

O BNG reabre o debate sobre un partido xudicial para A Mariña Oriental, radicado en Ribadeo

Rexeitada unha proposta dos nacionalistas no Parlamento galego para unha demarcación propia na que entrase Foz, dependente actualmente de Viveiro

Publicada o

- Advertisement -

O portavoz de Xustiza do BNG, Iago Tabarés, defendeu este venres unha proposta no Parlamento galego para crear un Xulgado de Primeira Instancia e Instrución con sé en Ribadeo co fin de “aliviar a carga de traballo dos colapsados xulgados de Viveiro”, así como reorganizar as demarcacións xudiciais na costa de Lugo coa creación dun partido xudicial na Mariña Oriental.

Na súa intervención salientou a “importante saturación” rexistrada no partido xudicial de Viveiro que acolle a entrada de asuntos de carácter civil; algo, dixo, que non é “episódico” xa que o número de entradas en anos anteriores tamén supera o módulo establecido polo Consello Xeral do Poder xudicial.

Tabarés lembrou que o deputado do BNG, Daniel Castro, defendeu unha proposta na Cámara galega para trasladarlle ao Goberno central a necesidade de dotar á Mariña dunha nova unidade xudicial, neste caso para Viveiro. A xustiza, enfatizou o nacionalista, “non pode ser lenta” e a administración xudicial debe ser “accesible” á cidadanía, “tamén á de Ribadeo”.

UNHA “VELLA DEMANDA SOCIAL”

Así, Tabarés asegurou que se trata dunha “vella demanda social, do ano 2003″, para “racionalizar e restaurar a demarcación lóxica e tradicional”. Neste sentido, apuntou que establecer o partido xudicial de Ribadeo suporía “axilizar o funcionamento da xustiza e evitar suspensións, ou prexuízos aos autónomos e pequenos empresarios que deben acudir a vistas para asuntos tan nimios como ratificar facturas“.

A proposta pasaba por unha demarcación de Ribadeo, Barreiros, A PontenovaTrabada e Foz -actualmente dependente de Viveiro- integrada no Partido Xudicial de Mondoñedo.

O PSdeG PIDE “UN ESTUDO PREVIO DE OPORTUNIDADE”

Pola súa banda, Paloma Castro Rey (PSdeG), pediu primeiro a elaboración “dun estudo previo de oportunidade” para a creación do devandito xulgado, dubidando da “idoneidade” da solución proposta, aludindo á posibilidade de “dotar de novos xulgados ou máis persoal” aos partidos xudiciais xa existentes.

O PP RECLAMABA PEDIR “A DEMARCACIÓN MÁIS BENEFICIOSA”

Pola súa parte, o portavoz do PP, José Alberto Pazos Couñago, salientou que Ribadeo “está moi lonxe de cumprir a ratio de 50.000 habitantes para crear un novo Partido Xudicial”. Con todo, presentou unha emenda de substitución ao texto nacionalista, que recollía que o Parlamento inste á Xunta a defender ante o Ministerio de Xustiza os intereses e “a demarcación máis beneficiosa para os galegos“.

A emenda non foi aceptada polo BNG, polo que o grupo popular votou en contra da proposta nacionalista.

CONTROVERSIA POLÍTICA POLA RECLAMACIÓN DUN TERCEIRO XULGADO EN VIVEIRO

A finais de novembro, ante o colapso dos xulgados de Viveiro, avogados propuxeron incluír a Foz no Partido Xudicial de Mondoñedo, unha proposta que recibiu o apoio da daquela alcaldesa mindoniense, a popular Elena Candia, e o rexeitamento de María Loureiro e Fran Cajoto, rexedores socialistas dos municipios viveirense e focego.

Nos últimos anos reclamouse con insistencia a creación dun terceiro xulgado para Viveiro, que atende a unha poboación de arredor de 45.000 habitantes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...