A Xunta de Galicia, trala reunión do comité clínico que fai seguimento da evolución da Covid-19, decidiu elevar ao nivel máximo as restricións aos concellos de Vigo e Pontevedra, logo da revisión da evolución epidemiolóxica en toda Galicia, ademais de a outros 54 municipios, entre eles Burela, O Vicedo e Cervo.
Segundo o reconto ofrecido polo Sergas este luns, Burela conta con 47 casos confirmados nos últimos 14 días, por 20 do Vicedo e 22 de Cervo. Por agora non trascendeu cando se aplicarán as medidas, posto que non foron publicadas no Diario Oficial de Galicia, aínda que probablemente será a partir da medianoite do martes ao mércores.
Xove e Viveiro xa se atopan no nivel máis alto de restricións, que inclúe as seguintes medidas:
O 72% DA POBOACIÓN GALEGA, PECHADA PERIMETRALMENTE
Estes concellos son, na área coruñesa, Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo e na área ourensá, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos. No referido á área de Pontevedra os concellos que soben ao nivel máis alto de restricións son A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.
En canto a área sanitaria de Vigo, márcanse máximas limitacións tamén nos concellos de Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas. Na área sanitaria compostelá colócanse no nivel máis alto de restricións Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda, mentres que na área de Ferrol, engádense ao grupo Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.
Tras sumar estes 56 concellos, Galicia pasará a ter 116 municipios no nivel máximo de restricións, o que supón un 72% do total da súa poboación.