A Mancomunidade de Municipios da Mariña falicitará a contratación de 25 persoas durante tres meses grazas a unha subvención de 250.000 euros que vén de serlle concedida por parte da Xunta de Galicia.
O colectivo de municipios da bisbarra acadou a axuda solicitada ao Goberno galego para desenvolver un plan integral de emprego a través do que as empresas mariñás contratarán a persoas en paro de longa duración, que padeceron violencia de xénero ou que carecen de estudos.
Ademais, o proxecto permitirá formar uns 100 participantes. “Adicaremos a axuda á formación en diversos campos xa programados, que favoreza a inserción laboral da xente que participará neste plan”, explicou Alfredo Llano, alcalde de Burela e presidente da mancomunidade.
Informática, manipulación de alimentos ou idiomas son algunhas das especialidades que o colectivo de municipios barallaba ofertar.
DEZ MUNICIPIOS
Por agora non hai previsión do inicio do programa, ao que se adheriron dez dos dezaseis concellos da bisbarra: Ribadeo, Barreiros, Foz, Alfoz, O Valadouro, Burela, Viveiro, O Vicedo, Riotorto e A Pontenova.
“Imos facer unha reunión entre todos os municipios implicados para poñer isto en marcha canto antes”, afirmou Llano.