Prohibidas as reunións de non conviventes en Viveiro agás con motivo xustificado

Esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas

Xente paseando por unha rúa comercial de Viveiro. EFE

O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de decretar as medidas necesarias para adaptar os servizos municipais ao establecido na Orde e no Decreto publicados no día de onte pola Xunta de Galicia, mediante os que se aplican a este concello o nivel de máximas restricións, coa suspensión de toda actividade non esencial, o peche da hostalería e a prohibición de reunións de non conviventes agás con motivo xustificado.

Viveiro mantense cunha alta incidencia de Covid-19, con 266 positivos confirmados nas últimas dúas semanas. En virtude do mesmo e a maiores das medidas e limitacións que xa viñan sendo de aplicación, o goberno municipal acordou:

CENTROS E EVENTOS SOCIAIS E CULTURAIS

– O peche ao público e a suspensión total das actividades do Teatro Pastor Díaz.

– O peche ao público da biblioteca municipal.

– O peche da oficina de turismo.

– O peche das instalacións deportivas municipais (campos de fútbol e pavillóns).

– O peche dos centros socioculturais e locais sociais municipais.

REUNIÓNS

– En todos os espazos públicos de titularidade municipal prohíbese a permanencia de grupos de persoas non conviventes. Esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Esta limitación tampouco será de aplicación ás actividades que conten cun aforo específico, a excepción de que expresamente se contemple tal limitación.

PISCINA, PARQUES PÚBLICOS, ACTIVIDADES DEPORTIVAS E GARDERÍA

Lémbrase, ademais, que se mantén o peche da piscina municipal, dos baños e parques públicos e a suspensión das actividades deportivas, culturais, congresos, conferencias, reunións, ou calquer outro tipo de evento ou actividade que estivese previsto levar a cabo en instalacións municipais, quedando tamén anuladas ou suspendidas as autorizacións e cesións de uso de locais, instalacións ou espazos municipais con efectos para o período de vixencia desta suspensión. Mantense así mesmo pechada, por prevención, a Escola Infantil Municipal, na que segundo concreta o Concello “deron negativo todas as probas realizadas na aula que permanece confinada”.

HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN, SÓ CON COMIDA PARA LEVAR

Por outra banda, cómpre sinalar que segundo o establecido na Orde de Sanidade a hostelería e restauración permanecerá pechada ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local. A entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

Entre as actividades que tamén permanecerán pechadas destacan as actividades culturais, sociais, deportivas, de ocio e entretemento; os cines; os ximnasios; establecementos de actividades recreativas ou centros de lecer infantil.

O COMERCIO, AO 50%

As novas medidas e limitacions establecidas pola Xunta de Galicia non afectarán ao comercio, que pode permanecer aberto co aforo limitado ao 50%. Da mesma maneira, mantense a celebración dos mercados que teñen lugar no Concello de Viveiro coas restricións vixentes na actualidade.

TOQUE DE QUEDA E PECHE PERIMETRAL

Finalmente, lémbrase que se continúa mantendo o peche perimetral e o toque de queda ás 22.00 horas.

Dende o goberno municipal pídese os veciños e veciñas de Viveiro a máxima prudencia e o estrito cumprimento das medidas establecidas para superar o antes posible esta complicada situación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here