IniciosociedadeA pandemia no Hospital: 1.620 operacións menos ca no 2018, 33 días...

A pandemia no Hospital: 1.620 operacións menos ca no 2018, 33 días máis por cirurxía e 61 por cita

A Xunta espuxo este venres os resultados do centro hospitalario da Mariña no 2020 no tocante á actividade e demora, que reflicten o impacto da crise na atención sanitaria

Publicada o

- Advertisement -

Servizo Galego de Saúde (Sergas) espuxo este venres os resultados do Hospital Público da Mariña no tocante á actividade e demora durante o ano 2020. Uns datos que deixan ver o efecto da pandemia do coronavirus sobre os prazos de atención ao paciente. Así, a agarda para unha intervención cirúrxica elevouse aos 77 días de promedio, 33 máis ca no exercicio 2018 e 38,5 máis ca no primeiro semestre de 2019, de acordo cos datos da mesma fonte.

Nun comunicado de prensa, o Sergas pon en valor os datos comparándoos cos do mes de xuño, dado que foi a partir de entón, unha vez pasado o primeiro pico da pandemia, cando o centro hospitalario da Mariña “centrou a súa actividade non só en atender aos pacientes Covid-19, senón tamén en recuperar o máximo posible toda a actividade, tanto de consultas externas como de cirurxía”.

AS AGARDAS POR CONSULTAS CHEGARON AOS 108 DÍAS DE PROMEDIO NOS SEIS PRIMEIROS MESES DO ANO

“A afectación da pandemia foi importante para a actividade do Hospital Público da Mariña, pois hai que lembrar que neste distrito sanitario foi donde se rexistrou no mes de xuño un dos primeiros grandes brotes da Covid-19, cun importante número de afectados e ingresos”, argumenta a Xunta de Galicia, aínda que as cifras de ingresados distaron moito tanto das da primeira onda do coronavirus, cando chegou a haber 23 ingresados e cinco doentes na Uci, así como da terceira.

Na agarda cirúrxica, a espera media alcanzou os 92 días no primeiro semestre do ano, rematando en 77 ao final do curso. No tocante ás consultas, os mariñaos agardaron, segundo o Sergas, un promedio de 100 días por cita (108 nos primeiros seis meses do 2020), 61 máis ca no 2018.

O Sergas destaca o dato no tocante á atención aos pacientes máis graves, os de prioridade 1, cunha media por consulta “de menos de 30 días” e unha espera cirúrxica de 2,7 días de promedio (por seis días do primeiro semestre de 2019 e once días de 2018), o que a Xunta atribúe “ás vías rápidas cos que conta este hospital, que seguiron a funcionar na súa totalidade e que permitiron que todos os pacientes con patoloxías graves foran atendidos durante a pandemia nun tempo mínimo, entrando nun circuíto especial de atención”.

PROBAS DIAGNÓSTICAS

Non se dan cifras das agardas polas probas diagnósticas, que no 2018 tiñan unha espera media de 46 días e no primeiro semestre do ano 2019 de 43,7 días.

No tocante á cantidade de intervencións cirúrxicas, o Sergas conta 3.817 operacións (3.078 delas programadas e 1.196 sen necesidade de ingreso), polas 5.437 realizadas no ano 2018 (1.620 menos). Só na primeira metade do 2019 foran realizadas 2.980 intervencións, o 75,7% do total deste ano.

No que atinxe ás consultas externas, os especialistas do Hospital Público da Mariña atenderon un total de 92.541 citacións, das que 22.401 eran primeiras chamadas, sendo o resto sucesivas, de seguimento ou revisións.

Ademais, o ano pasado realizáronse no Hospital da Mariña un total de 38.121 probas de radiodiagnóstico convencional sen contraste; 6.520 TACs, 3.606 Resonancias magnéticas nucleares, ademais doutros estudos diagnósticos.

En relación coas hospitalizacións, o Hospital Público da Mariña contabilizou no 2020 4.853 ingresos, dos que 1.109 estaban programados e o resto eran urxentes; no 2018, a cifra foi de 5.562. A estadía media dos pacientes hospitalizados foi de 8 días.

Pola súa banda, no Servizo de Urxencias atendéronse o ano pasado 18.150 urxencias, cunha media de 50 ao día. Do total, o 21% precisaron o ingreso do paciente. A porcentaxe de ingreso subiu respecto a anos anteriores debido á pandemia.

ATENCIÓN PRIMARIA

No tocante a atención primaria, os centros de saúde da comarca da Mariña superaron os 3,4 millóns de consultas atendidas, das cales 1,9 millóns foron de medicina de familia, e o resto corresponderon a pediatría, enfermaría, matrona, odontoloxía-saúde bucodental, entre outras. Ademais nos PACs da provincia atendéronse o ano pasado 151.518 urxencias extra hospitalarias.

O Sergas non concreta cantas das consultas de atención primaria na Mariña foron non presenciais, unha cifra probablemente significativa posto que no total de Galicia superaron o 40% das totais.

A XERENCIA AGRADECE A IMPLICACIÓN DOS PROFESIONAIS

Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, agradece a gran implicación que todos os profesionais Hospital Público da Mariña amosan sempre, “pero especialmente a que demostraron, e seguen a demostrar, na xestión e atención desta crise sanitaria mundial, que permitiu ao hospital manter, non só unha boa actividade, senón tamén un alto grao de calidade asistencial, tanto na atención aos pacientes con Covid-19 como ao resto de pacientes e usuarios do  sistema sanitario”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...