IniciosociedadePromotores de Barreiros reforzan a estratexia da defensa e sinalan á secretaria

Promotores de Barreiros reforzan a estratexia da defensa e sinalan á secretaria

Os empresarios din "coñecer" que a técnica pedía diñeiro a cambio de informes xurídicos favorables. O presidente de Aprobar afirmou que a Xunta de Galicia os "coaccionou" para firmar o Plan sectorial supramunicipal de 2010

Publicada o

- Advertisement -

O xuízo por prevaricación urbanística contra o goberno municipal de Barreiros retomouse este xoves.

Tralas declaracións da secretaria municipal, de técnicos da Aplu e de representantes das asociacións veciñais, citadas pola Fiscalía e Adega, que se persoou como acusación particular, declararon unha decena de promotores que proxectaron obras no municipio no período xulgado, o ano 2006.

Os empresarios manifestaron o seu convecemento de ter actuado de forma regular

A preguntas da Fiscalía e dos letrados das partes, os promotores describiron o papel da secretaria municipal na tramitación das licencias.

Coincidiron, na maior parte dos casos, en que non tiveron coñecemento directo dos informes xurídicos que avalaban as autorizacións.

Os empresarios Xabier Díaz e Manuel Villamarín manifestaron tamén “coñecer” que a funcionaria pedira contías económicas a cambio de emitir informes favorables a dous promotores, ningún deles citado como testemuñas nin parte na causa.

“SE ME PEDISE DIÑEIRO, DARÍALLO”

Porén, a preguntas do xuíz, negaron que a secretaria lles pedirá a eles contía algunha. Villamarín chegou a afirmar que “se mo pedise sabendo que ía facer as cousas ben, daríallo”.

CONVENIO DA AUGA

Tres dos construtores chamados a declarar como testemuñas recoñeceron a achega de diferentes contías a un convenio de mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga, suscrito co concello en 2006, mais negaron a urxencia das obras contempladas, engadindo que non se chegaran a executar, sen que iso supuxese “problemas” no abastecemento.

BEGASA

O suministro eléctrico tamén foi asunto das intervencións dos empresarios, que aseguraron que as infraestruturas de Begasa (Eon) tiñan capacidade suficiente para todas as vivendas proxectadas, en contra do sinalado nunha carta da empresa dirixida ao concello no que advertía da insuficiencia da subestación de Foz para abastecer a algunhas promocións –documento incorporado á causa-.

Os promotores mantiveron que esa advertencia respondía a unha estratexia da empresa que aproveitou a conxuntura para “gañar”. Segundo explicaron, a eléctrica pediu aos cada un dos promotores “uns tres millóns de euros” para reforzar a rede e, tras unha reclamación ante o Ministerio de Industria promovida por Gervasio Cao, facilitoulles o enganche co pago das “taxas convencionais”.

“COACCIÓNS” DA XUNTA

A acusación particular, que exerce Adega, e mais a fiscal preguntaron aos empresarios polo Plan Sectorial de Incidencia Municipal aprobado en 2010 para dotar as zonas afectadas polas impugnacións das licencias dos servizos precisos para consolidalas como núcleos urbanos. O proxecto prevía un investimento de 14 millóns de euros achegados pola Xunta de Galicia, a Deputación provincial e mais o concello.

Parte dos promotores que declararon este xoves afirmaron asinar o convenio que os comprometía a renunciar a calquera tipo de reclamación de responsabilidade patrimonial contra a administración, pero cuestionaron de novo a necesidade das obras.

Manuel Villamarín foi tamén o máis vehemente nas críticas ao Plan, asegurando que a Xunta de Galicia “ coaccionara” aos empresarios para asinalo. Tanto el como Xabier Díaz admitiron ter presentado despois reclamacións contra a admistración autonómica, ambas desestimadas polo Tribunal Superior de Xustiza, e, segundo explicaron, con recurso interposto no Tribunal Supremo.

FONTANEIRO MUNICIPAL

Tamén compareceu o fontaneiro municipal no periodo xulgado, inquerido en relación coas afirmacións realizadas este martes pola secretaria. A funcionaria afirmou que advertira aos acusados de posibles irregularidades relacionadas coa autorización de proxectos en solo non consolidado, situando nela ao operario. Na súa declaración, o traballador asegurou que “non lembraba” estar en ningunha reunión cos membros do goberno municipal en relación con este asunto.

O xuízo, que comezou o luns, culminará o vindeiro 14 de novembro coa presentación dos informes periciais e probas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...