Suárez pide que sexa obrigatorio aceptar a vacina para entrar nas residencias: “o egoísmo non cabe”

A Deputación insiste en que a Fiscalía actúe para evitar casos como o da única usuaria non vacinada en Ribadeo ao impedilo un familiar; o alcalde reclama á Xunta que lexisle

Desinfección da residencia de maiores en Ribadeo / XdM

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, cargou esta mañá contra o familiar da única usuaria da residencia que non foi vacinada contra a Covid-19, por “desexo expreso” desta persoa. A residente deu positivo nun cribado realizado pola Xunta de Galicia e negativo nunha segunda PCR por parte da Deputación, que solicitou ao Sergas unha terceira análise.

Suárez Barcia cualificou a situación de “moi desesperanzadora” e cualificou a actitude do familiar como “intolerable. O egoísmo e o negacionismo non casan coa nosa sociedade, e desde o Concello de Ribadeo non consideramos axeitado que as persoas que conviven nunha residencia non apliquen a vacina, sexa por desexo propio, no caso de que teñan a vontade intacta, sexa polos parentes que teñen a tutela”, argumentou.

O rexedor ribadense asegurou que “nuns momentos moi complexos”, os Concellos “abondo temos con xestionar o día a día das residencias, e aquí dáse unha pregunta que hai que resolver inmediatamente: priman os dereitos individuais ou a saúde pública?“, inquiriu.

“Sendo as súas competencias, de saúde e servizos sociais, vexo necesario que a Xunta de Galicia promova a adaptación lexislativa necesaria para que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais egoístas e negacionistas”. Así, solicitou “que sexa de obrigado cumprimento para ter acceso a un servizo asistencial a aceptación da vacina contra o Covid-19”.

A DEPUTACIÓN PUXO EN MARCHA “OS MECANISMOS” PARA QUE A XUSTIZA “NOS AUTORICE A VACINALA”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou este xoves que cando se tivo coñecemento de “que había un familiar directo que non quería” que unha usuaria da residencia de Ribadeo, de titularidade provincial, recibise a segunda dose da vacina, trasladouse o feito á Fiscalía co obxectivo de “que promova as accións xudiciais que sexan pertinentes” para completar o proceso.

Tomé puntualizou que desde o goberno provincial búscase “protexer a todos os residentes e traballadores das residencias, e por tanto, que non haxa ningunha posibilidade de contaxio nestes centros en que afortunadamente non se rexistrou ningún caso” de covid no cinco tutelados pola Deputación.

A NEGATIVA DO FAMILIAR “PILLOUNOS POR SORPRESA”, DI TOMÉ

Pillounos por sorpresa a decisión dese familiar e o que fixemos foi pór en marcha os mecanismos para que nos autorice a xustiza a vacinar a esa persoa”, dixo.

Tomé destacou que nas residencias da Deputación “non houbo ningún caso”. “Creo que non é o caso doutros xeriátricos xestionados por outras entidades”, contrapuxo.

A Deputación informou na pasada xornada de que esta usuaria dera positivo nun cribado do Sergas, pero, posteriormente, nunha segunda proba promovida pola institución provincial deu negativo e sostén que se trata “dun falso positivo“.

En todo caso, asegurou que tanto ela como a súa compañeira de habitación permanecen illadas e pediuse ao Sergas unha segunda PCR.

TODOS VACINADOS

“A administración pública debe garantir que se poidan vacinar todas aquelas persoas que son de risco e neste caso que ademais de ser de risco conviven con outras persoas que tamén o son“, subliñou.

Finalmente, confirmou que se vacinaron aos 120 residentes e os máis de cen traballadores dos centros xestionados polo ente provincial, Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, e “nun mes ou dous empezará a funcionar o de Pedrafita do Cebreiro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here