IniciosociedadeCaballero pide en Burela recuperar a área sanitaria da Mariña contra "os...

Caballero pide en Burela recuperar a área sanitaria da Mariña contra “os retrocesos” en servizos

O líder do PSdeG reclama "defender o Estado do benestar" e acabar cos "recortes do PP", entre os que cita a redución da quenda de tarde no centro de saúde e a situación de Cardioloxía

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamou desde Burela a recuperación da área sanitaria da Mariña fronte “aos recortes e retrocesos” nos servizos sanitarios da comarca “co Goberno do Partido Popular“. Entre eles citou a situación do centro de saúde burelao, coa redución da quenda de tarde en horario completo a tres horas dous días á semana, e do Hospital da Costa, que conta cun só cardiólogo por unha baixa e unha excedencia que fican sen cubrir.

“Son moi consciente dos recortes que houbo en toda Galicia nos anos de Goberno do PP, na sanidade pública, e dos retrocesos que houbo aquí, nesta comarca”, indicou Caballero, que instou a “seguir fortalecendo o sistema sanitario público”. Para iso concretou que “queremos recuperar a área sanitaria da Mariña, porque non podemos seguir vendo como se retrocede nos centros de saúde e como o Hospital da Costa perde servizos e capacidade de atención”.

“Precisamos un gran pacto para recuperar esa área que reclaman os alcaldes e os veciños”, insistiu, nunha comparecencia ante os medios de comunicación.

“Fronte a un centro de saúde no que deixa de existir unha atención primaria de calidade durante todas as tardes da semana, fronte aos retrocesos en tantos ámbitos de atención no Hospital da Mariña, nomeadamente en cardioloxía, necesitamos avanzar e que se garantan aquí na Mariña todos os servizos sanitarios necesarios”, xulgou Caballero. O líder dos socialistas galegos salientou que “é imprescindible contratar persoal, un catálogo de servizos que garanta dereitos, e iso faise con orzamentos e atendendo as demandas da cidadanía. Hai que defender o sistema de benestar”, concluíu.

PIDE UN PROCESO “TRANSPARENTE” DE VACINACIÓN

Na visita, o dirixente socialista tamén acusou á Xunta de “mirar para outro lado” á hora de “explicar as irregularidades” rexistradas no proceso de vacinación, no que, como apuntou, se inmunizaron persoas ás que non lle tocaba como a “alcaldesa de Boimorto” ou “a conselleira delegada de DomusVi“.

“É necesario que se garanta un proceso transparente, eficiente e rigoroso, que ninguén vaia por diante do que lle corresponde e que a Xunta sexa unha garantía para todos”, sostivo nunha intervención na que destacou que a Unión Europea garante que “nesta crise as vacinas vanse a distribuír en función da vulnerabilidade das persoas e non en función de si teñen moito diñeiro”.

“TODA A PRESIÓN” SOBRE ALCOA

Caballero referiuse tamén a Alcoa, considerando “necesario” que o Goberno e a Xunta manteñan toda a “presión” para lograr un acordo que permita manter o emprego e a actividade industrial na planta de San Cibrao.

En declaracións aos medios durante unha visita a Burela, o xefe de filas dos socialistas galegos destacou que está en “permanente” contacto co Goberno de España, que mantén o compromiso de buscar unha solución industrial para Alcoa.

“O Goberno e os ministros competentes en Industria e Transición Ecolóxica están traballando con toda a presión e capacidade, poñendo todas as posibilidades do Estado para conseguir un acordo que posibilite a entrada dun inversor”, sinalou.

Neste sentido, destacou que, por primeira vez, o Executivo estatal abriu a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) a “ser a canle para conseguir unha saída na que o novo investidor poida entrar”.

Con todo, considerou necesario “manter toda esa presión” para que Alcoa teña futuro industrial e emprazou tamén á Xunta a “traballar firmemente”, “en cooperación”, fronte a unha posición da multinacional “inadmisible e inxustificada”.

Para rematar, subliñou que o PSdeG non aceptará “ningún acordo que non sexa o mantemento do emprego” e da “actividade industrial” en Alcoa San Cibrao.

“Estase traballando con rigor, estase avanzando, pero ata que vexamos un acordo de futuro, seguiremos con todos os mecanismos de acción para que Liberty House, ou a empresa que permita dar ese futuro, entre”, apuntou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...