A Comisión de Xustiza do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do PSdeG – PSOE para pedirlle á Xunta que acondicione no Xulgado de Violencia Sobre a Muller de Viveiro un espazo “propio e digno” como sala de agarda para as mulleres vítimas de violencia de xénero. A parlamentaria socialista Patricia Otero presentou esta iniciativa, mentres que o PP afeoulle “transmitir a mensaxe” de que “onde non hai unha dotación coma esta se pon en perigo ás denunciantes”.
O PSdeG RECLAMA UN ESPAZO “PROPIO E DIGNO”
A Cámara galega debateu esta iniciativa un día despois de que a Xunta anunciase a dotación da sala, que os traballadores viñan reclamando desde abril de 2019.
Os funcionarios alertaban de que o arquivo da sección civil, ao límite da súa capacidade, era o único espazo habilitado como dependencia para acubillar ás vítimas de violencia machista que van denunciar os seus maltratadores, e que precisan comodidade e anonimato. O Goberno autonómico anunciou o cuarto para finais dese mesmo ano, pero a semana pasada aínda non acondicionara a sala, sen mobles.
Otero lamentou que o Goberno galego agardara dende 2015 “ata onte” para dispoñer deste espazo fundamental para manter a seguridade e a dignidade das vítimas, “obrigadas en moitas ocasións a cruzarse” cos seus maltratadores ao impoñer as denuncias. Sinalou que fora precisamente na véspera de levar esta iniciativa á Cámara cando a Xunta dera a orde de acondicionar a sala “tarde, mal e arrastro”.
Ata entón, dixo, “o Xulgado da Muller de Viveiro carecía dun espazo digno para dar comodidade e anonimato ás mulleres maltratadas”, aseverou a responsable socialista, logo dos “múltiples anuncios” do Goberno galego.
A parlamentaria socialista lembrou que o propio conselleiro de Vicepresidencia lle respondera ao grupo socialista en pleno do Parlamento xa en abril de 2019 que a sala de agarda estaría lista naquel ano. Afeoulle ao PP que recorrera hoxe á escusa da pandemia para xustificar o retraso, unha pandemia que “ou eran moi visionarios ou non lembran que daquela non comezara”.
Sinalou que o Concello puxo a disposición da Xunta o espazo dende o primeiro momento, para mellorar o “zulo” do que dispuñan e evitar así a súa “exposición pública nos corredores dos xulgados” e “que se poidan cruzar cos seus agresores”.
O BNG: “ESTA SALA TIÑA QUE EXISTIR DESDE 2005”
O deputado do BNG, Iago Tabarés, salientou que a sala pídese “para ese momento cando unha muller toma o complicado paso vital de denunciar a persoa que a maltrata e que a convive. Se esa persoa e o seu agresor comparten corredor, esa é unha situación brutal e dramática”, indicou.
“Este espazo tiña que existir de 2005 conforme á normativa”, expuxo Tabarés, que cualificou de “incalificable” que a Xunta, dispoñendo dun espazo desde 2015, non completase este servizo ata febreiro de 2021.
O PP: “CALQUERA XULGADO DISPÓN DOS RECURSOS PARA GARANTIR A SEGURIDADE”
O deputado do grupo popular, Alberto Pazos, lamentou “o atraso que se produciu na instalación desta sala, así como a mensaxe que trasladaron o BNG e o PSdeG ás vítimas dicindo que nos xulgados onde non hai unha sala deste tipo se pon en perigo a seguridade das vítimas”.
Alberto Pazos recoñeceu a necesidade de habilitar espazos exclusivos para vítimas de violencia machista no Xulgado de Viveiro e en calquera xulgado do nos país, “unha sensibilidade que é compartida pola Xunta, que leva mais dunha década traballando para implementar este tipo de instalacións ou procurando alternativas naqueles xulgados en que isto resulta máis complexo”.
O deputado popular lamentou que este compromiso da Xunta co Xulgado de Viveiro “sufriu un retraso”, pero saudou que os traballos “xa remataran e a sala xa estea a disposición do xulgado”. Respecto das afirmacións realizadas polos deputados da oposición, Pazos asegurou que “calquera xulgado dispón dos recursos necesarios para preservar a seguridade das vítimas de violencia machista, e garantir que non coincidan no mesmo espazo físico co seu presunto agresor”.
“Denunciar é útil e seguro”, indicou o deputado popular para animar ás vítimas de violencia de xénero, quen apuntou que “todos os profesionais que traballan nos xulgados van facer todo o que estea na súa man para garantir a seguridade das vítimas, do mesmo xeito que a Xunta seguirá implementando salas diferenciadas cando sexa posible”, concluíu.
OUTRAS CIDADES, Á ESPERA
En resposta á intervención do PP, Otero reclamoulle ao goberno galego que comprometan espazos dignos para as vítimas nos xulgados específicos de Violencia de Xénero, e preguntoulles se “están seguros por exemplo de que no Xulgado de Pontevedra contan cunha sala propia”.
O CONCELLO AGRADECE “O ESFORZO DO PERSOAL”
O grupo de goberno de Viveiro amosou a súa “satisfacción” tras coñecer que o xulgado do municipio xa conta cunha sala de espera en condicións para as vítimas de violencia de xénero, ao tempo que criticou que “a Consellería de Xustiza funciona a golpe de nota de prensa, xa que o anuncio de que a sala está lista chega despois das queixas da semana pasada dos traballadores dos xulgados, que lamentaban que o espazo contaba unicamente con dúas cadeiras”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O persoal do xulgado e a Mesa Local contra Violencia de Xénero levaban “máis de dous anos demandando que se habilitase un espazo digno para as vítimas, no que poidan permanecer mentres se realizan as tramitacións, entendendo que é primordial ofrecerlles un espazo en boas condicións no que poidan sentirse cómodas e protexidas”, lembrou.
“Agradecemos o traballo e o esforzo constante do persoal do xulgado á hora de reivindicar as súas necesidades; é triste ter que recorrer a estes medios de presión e que adecuar unha sala para unha muller que sufre violencia de xénero poida agardar cómoda e dignamente non forme parte das políticas da Xunta de Galicia”, concluíu Loureiro.