O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 304, 23 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse dous positivos novos por PCR.
Dos 304 contaxiados, 33 permanecen ingresados (oito deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 25 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (16), o centro hospitalario de Monforte (sete) e o Hospital Público da Mariña, con dous positivos.
No histórico da provincia documéntanse 207 falecementos, 11.273 altas e 11.789 desde o inicio da pandemia. Fixéronse 191.985 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 491 probas.
No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, O Vicedo, Ourol, Xove, Cervo, O Valadouro, Alfoz, Foz, Mondoñedo, Barreiros, Ribadeo, Trabada e Riortorto non teñen casos confirmados nos últimos sete días. Tamén Lourenzá, aínda que segue a padecer maiores restricións que os restantes concellos da Mariña; a taxa de incidencia acumulada nas últimas dúas semanas é de entre 151 e 250 positivos por 100.000 habitantes.
Con entre un e nove casos nos últimos sete días sitúanse Viveiro (cunha taxa acumulada de entre 26 e 75 casos por 100.000 residentes), Burela (entre 11 e 25) e A Pontenova (entre 11 e 25).