O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 282, 22 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse 13 positivos novos por PCR.
Dos 282 contaxiados, 28 permanecen ingresados (seis deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 22 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (14), o centro hospitalario de Monforte (seis) e o Hospital Público da Mariña, que atende dous positivos.
No histórico da provincia documéntanse 208 defuncións, 11.308 altas e 11.803 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 192.364 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 379 probas.
No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, O Vicedo, Ourol, Xove, Cervo, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada e Riotorto non teñen casos confirmados de Covid-19 nos últimos sete días.
Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada do virus de entre 11 e 25 casos por 100.000 residentes, pola de entre 26 e 75 comunicada onte), Burela (entre 11 e 25), A Pontenova (entre 26 e 75) e Lourenzá (entre 26 e 75 positivos por 100.000 residentes), o municipio da comarca que padece maiores restricións, rexistraron entre un e nove positivos nese mesmo prazo dunha semana.