Trece dos 16 tripulantes dun barco con porto base en Burela, o pincheiro Nuevo Madre Rosaura, deron positivo por Covid-19. Dous dos mariñeiros deron negativo e pasan a corentena no barco, mentres que o restante membro da tripulación xa pasara con anterioridade a enfermidade. Actualmente estanse a realizar as xestións para que as persoas contaxiadas pasen o confinamento nos seus domicilios.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, concretou que no día de onte o buque, que faena habitualmente no caladoiro de Gran Sol, chegaba ao peirao con tripulantes que presentaban unha sintomatoloxía compatible co coronavirus. Unha vez no porto fíxose o estudo epidemiolóxico correspondente, coas probas PCR positivas.
O dirixente do Sergas precisou que os tripulantes “son fundamentalmente veciños da Mariña, de Viveiro, Xove e Burela”, e engadiu que se iniciou “o estudo de contactos da contorna familiar destas 14 persoas”, para o correspondente “cribado á poboación” que xa comezou “no día de hoxe”. Outras fontes consultadas confirmaron que tanto as persoas que deron positivo como as que deron negativo se atopan ben, estando á expectativa sobre posibles cambios no seu estado de saúde.
As mesmas fontes concretan que se illou o barco dentro do peirao, como aconteceu en anteriores ocasións. Os rápidos contaxios das tripulacións nos buques pesqueiros son unha constante desde o inicio da pandemia, como demostran os casos previos do Adviento Uno, o Punta do Xuncos ou o Valle Fraga.