A Xunta de Galicia anunciou que executará “o vindeiro verán” a obra de “remodelación integral” do Ceip Virxe do Carme de Burela, na que investirá 860.000 euros.
Así o anunciou o delegado territorial do Executivo autonómico, José Manuel Balseiro, nunha xuntanza co equipo docente e con representantes da Anpa.
O representante do Goberno galego afirmou que, logo das visitas técnicas e de inspección, a Xunta considera as obras “urxentes” e acometerá as actuacións durante o verán, para non interromper a actividade lectiva.
Así, anunciou Balseiro, o Goberno galego “está tramitando os correspondentes proxectos técnicos e de obra“.
OBRAS
En concreto, está previsto unha renovación e modernización global das instalacións dos tres edificios que compoñen o complexo, moi deteriorado pola súa antigüidade.
Segundo explica o Goberno galego nun comunicado, actuarase sobre a carpintería exterior e interior (fiestras, portas, persianas e lucernarias) e no illado da fachada.
Tamén se procederá á substitución das luminarias existentes por unhas de baixo consumo e tecnoloxía LED e o proxecto da Xunta inclúe traballos xerais de acondicionamento interior (falsos teitos, reparación e pintado de aulas) e melloras nos aseos, entre outras.
Nas obras non se contemplan algunhas das peticións habituais da comunidade educativa do centro, como a unificación dos tres edificios, que supón para os escolares e os docentes andar cambiándose de inmoble constantemente.
A modo de solución para este problema, a comunidade educativa do centro ten reivindicado unha pasarela que a Xunta de Galicia tampouco cita no comunicado.
ACTUACIÓNS DE EMERXENCIA
A Xunta anunciou para esta semana obras de urxencia, dirixidas a corrixir filtracións de auga nas aulas.
O Executivo autonómico asegurou que “ten en marcha” estas actuacións, cun importe de 23.000 euros.
INSECTOS
A aparición no centro dun insecto predador da couza, a scleroderma doméstica, que xa picou a varios profesores, é outro dos problemas do centro.
Xunta e Concello ofreceron colaboración ao centro para cambiar mobles e portas e tratar de erradicar así a presenza deste insecto.
Por agora non houbo máis incidencias neste aspecto, nin alumnos afectados polas picadas.
MATRICULACIÓN
Neste curso académico, o Ceip Virxe do Carme, inaugurado no 1963, conta con 346 alumnos, dos que 97 cursan educación infantil e 249 primaria.
REUNIÓN DA ANPA
A presidenta da Anpa, Eva López, preferiu non valorar a título persoal o anuncio da Xunta de Galicia e agardará á xuntanza convocada este mércores, ás 20.00 horas na casa da cultura, para ofrecer unha opinión como dirixente do colectivo.
Na reunión, López informará “obxectivamente e con todo detalle” ao colectivo de pais sobre o encontro con Balseiro e o anuncio da Xunta.
A xuntanza servirá, ademais de para informar e valorar o proxecto do Goberno galego, para consensuar que posición tomar nas vindeiras semanas.