O derrubamento do tellado dunha vivenda en Burela provocou o desaloxo provisional de catro familias, despois de que así o aconsellase o informe da arquitecta municipal.
O suceso produciuse na tarde do pasado luns, na urbanización de vivendas de protección oficial coñecida como as casas baratas.
En concreto, foi na rúa José María González Río, á altura do número 5, no grupo San Juan Bautista, que data do 1954.
Os tellados están intercomunicados, de xeito que a técnica aconsellou “por precaución” o desaloxo das outras vivendas, segundo expón o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano.
O rexedor asegura que “ata que non teñamos unha garantía total de que non hai risco para estas persoas terán que pernoctar noutros domicilios”.
PERNOCTA
Tres das familias propietarias están aloxadas con parentes, mentres que o dono da vivenda afectada pola derruba, de 94 anos, precisou da axuda dos servizos sociais do municipio.
Tras durmir na noite do luns ao martes nun hotel, a neta do propietario xestionaba este martes coa asistenta social municipal que o afectado poidese pasar os días seguintes, ata reincorporarse ao seu domicilio, na residencia de anciáns de Burela.
O ancián atopábase na vivenda no momento do derrubamento -sobre as 15.30 horas-. Estaba na cama sen que, afortunadamente, a caída do teito lle producira lesións.
REPARACIÓN
Respecto ao arranxo que require a vivenda, Llano explicou que “estamos en contacto con varias empresas para axilizar ao máximo o proceso”, e lembrou que neste caso a adxudicataria deberá tamén seguir “as directrices de Patrimonio”.