Hoteis e restaurantes da Mariña ven como un alivio a chegada da Semana Santa, algo máis dun ano despois de que estalase a crise sanitaria por mor do coronavirus, un acontecemento que alterou por completo a súa forma de traballar. As cifras de ocupación e reservas están lonxe das de outros anos previos á pandemia, especialmente no sector hoteleiro, no que se rondaba o 100%, pero supoñen un bálsamo económico e anímico que os negocios agradecen nunha época complicada.
Viveiro, que no ano antes da chegada da pandemia a España, o 2019, congregou a 40.000 visitantes no municipio, pode ser o termómetro da situación turística da comarca da Mariña durante a Semana Santa, dada a tradición da súa celebración relixiosa, de Interese Turístico Internacional. Malia que non haberá procesións, que chaman cada ano a milleiros de visitantes, trátase igualmente dun polo de atracción turística de primeira orde en Galicia nesta época do ano.
RESERVAS DE CURTA DURACIÓN
No Hotel Ego de Area, o nivel de ocupación rondará, dependendo do día, “o 80 ou 90%” das 45 habitacións, segundo concretan desde o establecemento hoteleiro. “Non chegamos ao 100% como outros anos e tampouco se trata dunha ocupación estable“, matizan, “dado que non predominan as reservas de longa duración, de varios días, como outras veces”.
En todo caso, o balance para estas datas “é positivo”, posto que “levamos semanas contando con que iamos ter unha boa afluencia e así é”. Preguntadas por se no actual contexto aumenta a importancia que cobra unha época do ano tan relevante para o turismo en Viveiro como a Semana Santa, que no ano 2019 congregou a 40.000 persoas no municipio, fontes deste negocio sinalan que, máis alá de acentuar unha posible dependencia, “o que está claro é que hai que aproveitar todas as posibilidades que haxa para traballar cunha certa normalidade”.
ENTRE O NOVO PERFIL DO VIAXEIRO, GALEGO, PREDOMINA A ORIXE NAS RÍAS BAIXAS
Respecto ao cambio do viaxeiro medio, que polas restricións á mobilidade vén agora de Galicia, no Ego abundan as reservas “principalmente da provincia de Pontevedra“.
Nos hoteis As Areas I e II, en Covas, a ocupación estará lonxe da habitual en Semana Santa, pero “será similar ao dunha ponte calquera do ano; o venres o porcentaxe será alto e tamén o sábado. Tendo en conta que o pasado non houbo nada, non deixa de ser un alivio“, expoñen desde estes dous negocios.
O perfil do visitante cambiou: procede “principalmente das Rías Baixas e da Coruña“, e reserva “a última hora” por mor da situación sanitaria. Non atende á meteoroloxía: “o principal condicionante é a Covid-19, porque se a xente ten moitas ganas de saír a dar un paseo ou ir á praia non está pendente do tempo, a non ser que haxa unha tormenta”.
Pensar no balance do ano e na importancia que cobra a Semana Santa para o sector na actual situación de crise sanitaria é impensable para a xerencia dos hoteis: “non sabemos porque é unha situación que nunca vivimos. Estas datas, hai anos, eran un 100% durante catro días. Podemos pensar así, pero tamén en que normalmente temos pouca clientela. Así que para nós é un respiro”, resume.
OS ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS, Á METADE EN RIBADEO
Ribadeo é outro polo de atracción de turistas, cun recurso de tanto tirón como As Catedrais. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que “estamos moi contentos de cómo se está a desenvolverse esta Semana Santa nas circunstancias que vivimos. Dende a pasada fin de semana notouse un aumento da actividade económica na vila de Ribadeo, en boa parte gracias aos propios veciños, pero tamén aos visitantes da comarca e do resto de Galicia”.
No tocante ao sector hoteleiro, Pérez concretou que “ata o de agora está entre un 30 e un 40 % de ocupación“, aínda que a previsión é que repunte cara o 50% con visitantes que veñan entre dous ou tres días”. A “meteoroloxía” será, estima, o factor chave para que se produzan máis ou menos reservas nos últimos días.
No que atinxe á restauración, “estamos a falar de entre un 75% ata un 90% de reservas“, concreta, dado que “o turismo destes días é de vir pola mañá, visitar as tendas, gozar da nosa gastronomía, ver Ribadeo e volver á súa vila ou cidade. Nos bares o que se nos indica é que a carga de traballo aumentou con creces, as terrazas especialmente estaban cheas a pasada fin de semana e veuse un Ribadeo cun movemento interesante”, engade.
Pérez sinala un factor que condiciona o turismo en Ribadeo, e é a imposibilidade, polo peche perimetral, de acoller a visitantes da veciña Asturias, que “se botan moito en falta”. Ao longo dos meses, tanto o comercio como os propios Concellos limítrofes a un e outro lado do Eo demandaron que se permita a mobilidade dada a afectación que ten a restrición na economía local.
A VILA RIBADENSE SEGUE BOTANDO DE MENOS O FLUXO DE TURISTAS PROCEDENTE DE ASTURIAS
Na restauración estamos a falar entre un 75% ata un 90% de reservas nos restaurantes, e nos bares o que se nos indica é que a carga de traballo aumentou con creces, as terrazas especialmente estaban cheas a pasada fin de semana e veuse un Ribadeo cun movemento interesante, sempre botando en falta á veciñanza de Asturias”.
De cara aos próximos días “o que vai influír é a meteoroloxía, temos bos datos en reservas para restaurantes rozando o 75% de media, e esperamos que a ocupación hoteleira aumente ata o 50% con visitantes que veñan entre dous ou tres días”.
Respecto aos días de apertura do comercio, “temos coñecemento que a maior parte dos negocios asociados abrirán as súas portas o xoves e moitos deles o venres pola mañá. E por suposto o domingo estará aberto, coma sempre”, concreta.
A HOSTALERÍA DE BARREIROS PRESENTA NUN FOLLETO OS ATRACTIVOS DO MUNICIPIO
A Asociación de Hostalería de Barreiros acaba de editar un folleto turístico en formato papel e en formato dixital, para promover os atractivos turísticos do municipio e da contorna.
Trátase dunha publicación de catro corpos, que presenta o concello como destino turístico -dentro do xeodestino A Mariña Lucense- comunicando os valores que o diferencian, como a súa historia, a súa costa -ideal no contexto de sol e praia pero tamén para a realización de actividades deportivas e de natureza-, ou un interior rico e diverso atravesado polo Camiño de Santiago do Norte e con espazos tan emblemáticos dentro da Mariña, como son a Fervenza de Santo Estevo do Ermo, o círculo lítico A Roda ou o monte Comado.