O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores nunha visita ao Hospital da Costa que o traslado ás novas instalacións do centro realizarase “durante a primeira quincena de decembro”.
Feijóo visitou as instalacións tras finalizar unha primeira fase de ampliación do agora coñecido como o Hospital Público da Mariña, que permitiu, segundo o presidente do Executivo autonómico, “aumentar 6.000 metros cadrados a súa superficie sobre os 17.600 existentes, un 33% máis”.
O orzamento destas actuacións, lembrou o responsable do Goberno galego, ascendeu a 10,5 millóns de euros, aos que haberá que engadir outros dous millóns destinados a equipamento.
MELLORAS DE ESPAZO E EQUIPAMENTO
A ampliación do centro está pensada para mellorar os espazos asistenciais destinados á hospitalización nas áreas cirúrxicas.
Así, as obras permitirán ampliar o espazo do hospital de día onco-hematolóxico, que pasará a dispoñer de 120 a 270 metros cadrados, para albergar 13 postos de tratamento.
Tamén haberá unha nova zona de consultas externas, con 33 locais, dúas salas de endoscopias dixestivas, unha de técnicas cirúrxicas ambulatorias e un gabinete para cardioloxía.
A nova área de oftalmoloxía conta con dez locais con aparatos renovados, e a Farmacia tamén se beneficiará de melloras nas instalacións e tecnolóxicas.
APARCADOIRO
O proxecto tamén contempla a dotación dun novo aparcadoiro, con 230 prazas repartidas en dúas plantas, e que se prevé que poda estar listo a finais deste mes de novembro.
SEGUNDA FASE
O dirixente do Executivo autonómico tamén afirmou que as obras da segunda fase da ampliación do complexo hospitalario da Mariña Lucense comezarán “antes de que finalice o ano”, coa previsión de que as actuacións estean listas “no verán do 2019”.
A fase da obra pendente inclúe a remodelación da actual hospitalización das áreas cirúrxicas, a reforma de diálese e do hospital de día médico.
Tamén se crearán novos locais de consultas externas e gabinetes de exploracións. Ademais, modernizarase a área administrativa.
A Xunta agarda que, cando a segunda fase estea entregada, “a capacidade de hospitalización aumente nun 11,5%”.
O ALCALDE AVOGA POR UN “HOSPITAL XERAL”
O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, valorou a ampliación do centro para unha zona que, lembrou, “ten 85.000 habitantes e multiplica a poboación en verán”.
Llano avoga porque a ampliación das instalacións e a renovación do equipamento non quede “nunha cuestión de espazos e de aspecto físico do hospital”.
O alcalde de Burela subliña a incidencia da industria e do tráfico na Mariña Lucense.
O rexedor insta á Xunta a facer do centro “un hospital xeral e non comarcal, en sintonía coa bisbarra á que pertence”, e avoga por “recuperar a área sanitaria propia”.